miércoles. 08.07.2026

MUGART, o museo do múltiplo

O pasado día 2 o Museo do Gravado festexou vinte e cinco anos de vida. Celebrouse cun acto institucional e, asemade, coa inauguración dunha interesante mostra: os gravados que Xaime Quessada concibiu na serie Imaxe surreal de Galicia: unha historia do país contada a través do medio popular da estampa, á maneira tan persoal do autor ourensán.
Departamento de Infografía DL-G.
Departamento de Infografía DL-G.


Por definición, un museo é o templo do único. Acudimos a el coa idea de contemplar a peza
irrepetible, o orixinal que non existe en ningún outro lugar do mundo. Hai, xa que logo, un fermoso
paradoxo no feito de que o MUGART, o Museo do Gravado, sito en Artes -Ribeira-, estea
consagrado ao contrario, a esas obras que veñen ao mundo impresas en ducias ou centos de
exemplares, porque un gravado é unha obra orixinal concibida para multiplicarse. Por iso resulta a
máis democrática das artes; tamén unha das máis accesibles, tamén a que ten chegado máis lonxe.
E, entre nós, esa condición nunca foi cousa menor. Nun país historicamente orfo de institucións, sen
grandes aparatos políticos nin mecenados que sostivesen as artes pictóricas e visuais, a obra sinxela
e barata, concibida para multiplicarse, foi un vehículo natural de reflexión artística e identidade
política. Galicia viaxou moito máis en gravados de papel plasmados en estampas de taller, en follas
de prensa ou en publicacións que corrían de man en man ca nos grandes lenzos nobiliarios e rexios.

Ninguén ten encarnado isto mellor que Castelao. O seu xenio traballou coa potencia do cadro único,
pero tamén, e sobre todo, coa da arte reproducible. Álbumes como Cousas da vida, Galiza mártir
ou Milicianos son estampas feitas para circular, e circularon de verdade. A arte máis barata foi, entre
nós, a máis capaz de dicir o que non se podía nin debía silenciarse.

O gravado nace, pois, democrático, pero o tempo e o mercado aristocratízano. Hoxe, unha estampa
de Durero, por exemplo, resulta inalcanzable para case calquera. O que se fixo para moitos remata
sendo patrimonio de moi poucos. Un museo, en cambio, fai unha operación que compensa esta
tendencia elitista, a de devolver ao común o que quita o mercado, mais como ollada, non como
posesión. A porta, como xa o advertira Bourdieu, ábrese para todos; mais para gozar de verdade do
quehai dentro cómpre unha chave —a do capital cultural, a educación— que non se reparte por
igual.

O pasado día 2 o Museo do Gravado festexou vinte e cinco anos de vida. Celebrouse cun acto
institucional e, asemade, coa inauguración dunha interesante mostra: os gravados que Xaime
Quessada concibiu na serie Imaxe surreal de Galicia: unha historia do país contada a través do
medio popular da estampa, á maneira tan persoal do autor ourensán. Para expoñela procedeuse a
restaurar e entintar corenta e nove planchas. Na mesma sala, pois, conviven os gravados expostos,
reimpresos, cunha caixa de dezaseis exemplares numerados para bibliófilos. Democratización e
aristocratización, o mesmo día e baixo o mesmo teito: a dialéctica enteira da arte actual resumida
nunha soa mostra.

Que todo este proxecto museístico, de prestixio internacional, comezase coa teima privada dun
coleccionista, Javier Expósito Paradela, avogado de Noia que mercou a súa primeira estampa nunha
libraría de Bruxelas, é a proba de que unha paixón particular pode, ás veces, virar en ben común
para os cidadáns. Sucede pouco, e por iso mesmo merece recoñecerse cando acontece.

Velaí, pois, o que celebra o MUGART: non un tesouro pechado nunha vitrina, senón un xeito de
entender unha expresión artística que sempre foi algo profundamente noso, o da obra que se
multiplica para chegar a todos. O museo do único acaba sendo, en Artes —nomen omen—, o museo
do múltiplo. Que siga a selo, e que a chave para entrar nel se reparta algún día con máis formación
cidadá e menos desigualdade. Esa xa é outra tarefa.

MUGART, o museo do múltiplo
Comentarios