viernes. 08.05.2026

As vilas invisibles

A Galicia rural atravesa boa parte da nosa tradición literaria, desde Rosalía de Castro ata moitos textos contemporáneos que seguen a dialogar coa memoria agraria e familiar, coa emigración ou coa desaparición deses modos de vida.
Ilustración DL-G.
Ilustración DL-G.

Non me refiro, claro está, ás vilas do homónimo título de Ítalo Calvino. En Galicia, porén, temos vilas invisibles: as do territorio do mito, como a Antioquía da Limia, mergullada pola lagoa Antela. O resto, dirán vostedes, continúan a estar ben visibles perante nós, cada unha coa súa evolución histórica e demográfica, coas súas auxes ou as súas decadencias. Con todo, a gran maioría das vilas teñen resultado invisibles para o noso imaxinario cultural e narrativo e teño a sensación de que en boa medida ocurre algo similar no sistema literario portugués. No noso eido, a literatura galega ten construído algún dos seus grandes eixos discursivos arredor de dous espazos simbólicos moi definidos: a aldea e a gran cidade. A Galicia rural atravesa boa parte da nosa tradición literaria, desde Rosalía de Castro ata moitos textos contemporáneos que seguen a dialogar coa memoria agraria e familiar, coa emigración ou coa desaparición deses modos de vida. No extremo contrario, poucos autores representaron con tanta intensidade a urbe galega coma o Suso de Toro de Polaroid ou Ambulancia. A cidade aparece aí como escenario da aceleración, da fragmentación e do conflito contemporáneo.

Desde Rosalía de Castro ata moitos textos contemporáneos que seguen a dialogar coa memoria agraria e familiar

Entre ambos universos permanece a ausencia da vila como espazo simbólico da literatura, especialmente da narrativa. A cuestión resulta especialmente rechamante porque as vilas ocupan un lugar central na organización territorial, histórica e mesmo emocional de Galicia. Boa parte do país vive nelas, relaciónase ou orbita ao seu redor. Coas súas contradicións, cos seus ritmos e cos seus lugares comúns as vilas explican a nosa contemporaneidade. Xa Ramón Otero Pedrayo analizara con lucidez esa xeografía humana intermedia, profundamente permeable, que conecta o rural co horizonte urbano e que funciona historicamente como ponte: recibe a vida económica, social e cultural da comarca que a rodea, aglutina o seu territorio inmediato e, ao mesmo tempo, mira cara á cidade como espazo de oportunidades e ascenso.

A cidade aparece aí como escenario da aceleración, da fragmentación e do conflito contemporáneo.

Quizais por iso sorprende máis aínda que unha realidade tan decisiva no país non atopase unha presenza equivalente dentro da nosa narrativa como espazo literario de seu, cunha identidade simbólica ben desenvolta.

Teño ademais a impresión de que desde as institucións se entendeu antes que desde a propia literatura esa centralidade contemporánea da vila, facendo políticas públicas ás veces mal entendidas e peor explicadas, pero que contribuíron de maneira decisiva a facer comunidade e a construír cultura local.

Existe, naturalmente, memoria histórica da vila. Sobre todo nas máis antigas, onde aínda persiste ás veces a figura do cronista oficial, ese erudito local dedicado a recompilar fotografías, nomes e acontecementos para preservar unha identidade propia. Hai conciencia de pertenza na vila galega e teño a sensación de que nos últimos anos se desenvolveu en moitas delas un forte sentimento de orgullo local, que fai aínda máis visible a ausencia dun gran universo fabulado arredor da vila como espazo cargado de posibilidades narrativas, salvando algúns exemplos evidentes como as xeografías de Ferrín e Casares ou o Mondoñedo de Cunqueiro.

 Hai conciencia de pertenza na vila galega e teño a sensación de que nos últimos anos se desenvolveu en moitas delas un forte sentimento de orgullo local

Por que razón? Talvez porque a vila nunca logrou encaixar de todo nas categorías simbólicas dominantes. A aldea posuía a forza da raíz; a cidade, a do progreso e a modernidade. A vila parecía quedar nun espazo impreciso: demasiado urbana para o mito rural e demasiado pequena para o imaxinario metropolitano.

Unha parte decisiva do país segue esperando a se converter en materia literaria de seu. A literatura galega soubo crear aldeas míticas e cidades modernas, pero talvez aínda non aprendeu a narrar de xeito decisivo ese territorio intermedio onde vive boa parte da Galicia real. As vilas seguen aí: visibles no mapa, fundamentais na vida do país e, porén, case invisibles dentro do noso relato cultural. Tal vez algunha delas atope pronto a novela que lle dea forma definitiva na memoria do país.

 

 

As vilas invisibles
Comentarios