jueves. 14.05.2026

Arredor das Letras (I)

Durante semanas e meses, a persoa homenaxeada ocupa o centro da vida cultural galega: reedicións, congresos, documentais, programacións escolares, actos institucionais, homenaxes públicas. Mais a pregunta decisiva aparece despois: que queda cando remata o ano das Letras?
Ilustración DL-G.
Ilustración DL-G.

É xa un tópico sinalar o que revela sobre Galicia ter escollido o 17 de maio como unha das expresións simbólicas da nosa identidade cultural. O país a falar de si mesmo a través da homenaxe a unha figura literaria. A literatura como cerne da vida pública e da propia definición colectiva.

 

O mecanismo foi, sen dúbida, eficaz. Mais, pasadas máis de seis décadas desde a creación das Letras Galegas, talvez conveña revisar con calma e desde o respecto institucional algunhas das tensións que o modelo ten revelado.

 

A máis evidente ten que ver coa propia concentración do foco de atención. Durante semanas e meses, a persoa homenaxeada ocupa o centro da vida cultural galega: reedicións, congresos, documentais, programacións escolares, actos institucionais, homenaxes públicas. Mais a pregunta decisiva aparece despois: que queda cando remata o ano das Letras? Canta desa atención extraordinaria acaba converténdose nunha presenza lectora duradeira, nunha memoria compartida, nun diálogo real coa obra?

 

Quen lembra este ano a Luísa Villalta? Cantos alumnos volveron recentemente a Lois Pereiro ou a Xela Arias, dous autores que parecían conectar cunha intensidade especial co imaxinario da mocidade? As Letras semellan padecer ás veces a sorte dunha supernova: un brillo intensísimo que ilumina todo durante un instante antes de apagarse na distancia do tempo.

 

Poderá dicirse que é a lóxica da época, mais as Letras Galegas naceron precisamente para integrar autores e autoras nunha memoria cultural viva, e non para converterse nunha sucesión anual de celebracións efémeras. É algo que non sempre semella doado de conseguir.

 

Conectada con isto aparece outra cuestión máis delicada: a tonalidade das homenaxes. A celebración —lexítima e necesaria— tende en ocasións a favorecer unha exaltación que deixa pouco espazo para unha análise mesurada da persoa e do seu contexto.

 

Por iso resulta preocupante certa tendencia á haxiografía cultural, visible ás veces nalgunhas biografías ou actos públicos. Supoño que forma parte inevitable do espírito da homenaxe, mais a unanimidade admirativa non debería desactivar precisamente aquilo que fai necesarios os escritores: a súa complexidade, as súas contradicións, a capacidade da súa obra para xerar debate, tensión intelectual e conversación cultural viva. Un autor convertido nunha figura plana corre o risco de deixar de ser lido para pasar simplemente a ser celebrado.

 

Enténdase ben: moitas veces trátase de reparar esquecementos inxustos ou de devolverlles visibilidade a autores fundamentais para entender a cultura galega. Mais unha cultura madura non debería necesitar converter os seus escritores nin en santos laicos, nin en figuras exemplares nin en referentes morais ou ideolóxicos. Os autores son, antes que nada, creadores dunha obra. A súa relevancia nace dos textos, non dunha idealización biográfica.

 

Cómpre preguntarse tamén se, nese sentido, as Letras Galegas non foron desprazando progresivamente o centro da celebración desde os textos cara ás vidas dos autores, convertendo ás veces as Letras nunha escena onde teñen máis relevancia divulgadores e biógrafos, mentres as achegas directas á obra quedan nun segundo plano. Fálase moito

dos escritores, pero tal vez lese moito menos do que se debe aos escritores mesmos. E existe aí un risco evidente: que as Letras Galegas acaben construíndo unha memoria cultural baseada máis no relato arredor dos autores ca no contacto real cos seus textos. Porque unha literatura sobrevive verdadeiramente cando continúa a ser lida, discutida e reinterpretada, non só cando é conmemorada.

 

Aínda quedan máis preguntas e debate sobre as Letras: a quen interpelan hoxe realmente e de que maneira evitar que a memoria da homenaxe se converta nun ritual cada vez máis previsible. Mais iso merece xa outra reflexión.

Arredor das Letras (I)
Comentarios