jueves. 28.03.2024

Mr. Mörling, un amigo para sempre

Sempre me chamou a atención que Staffan e Chefa estaban profundamente namorados. Staffan sempre asinaba todos os seus traballos xunto con Chefa, aínda que, imaxino, a creación intelectual era sobre todo del. Estaba moi orgulloso dela e implicábaa en todo o seu. Moitas veces dicía: “Casei cunha pandeireteira da Illa de Ons”. Así definía a Chefa. Ademais sempre gababa moito os seus dotes culinarios, e era ben certo, tiven moitas veces a oportunidade de degustar, en Beluso, os seus pratos, que eran unha delicia. El sempre gustaba de harmonizar preferentemente con viños galegos. Incluso onde os tomaba era importante para el, por iso gustaba das copas medievais, das cuncas tradicionais...
OLYMPUS DIGITAL CAMERA
Gravando a intervención de Chefa, nunhas xornadas sobre a illa de Ons.

Escribir de Staffan Mörling é un grato recordo dunha amizade que chegou a través do xornalismo. Coñecín a Staffan e Chefa, a súa dona, para facer unha reportaxe de estranxeiros en Galicia. Non lembro quen me falou do ‘sueco de Bueu’. Achegueime alí, desde Santiago, para entrevistalo. Era no ano 1991. Teño a gravación da reportaxe de ‘Estranxeiros xa galegos’ que emitiu a TVG o 16 de abril de 1991.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
Saudando a Staffan, durante a presentación do seu libro Lanchas e Dornas, en Bueu. 

Un tempo despois, por unha iniciativa súa, fomos á Frouxeira, Lugo, ao cumio onde estivera outrora a Torre da Frouxeira.  Chefa, vestida co traxe tradicional galego, cantou unhas coplas e gravamos aquilo tamén para a TVG. As fotos que lles fixen naquela ocasión namoraron a Staffan e pediume ampliacións, que enmarcou e colgou na parede do salón da casa de Beluso, Bueu. Sempre gabou os meus primeirísimos planos fotográficos.

Despois empezamos a cruzarnos correspondencia. Teño máis de medio centenar de cartas xunto con postais, recortes de artigos...Ademais de temas persoais, Staffan sempre abordaba nas cartas cuestións culturais sobre as publicacións ou as viaxes que facía. Son interesantísimas anotacións onde queda reflectida a súa opinión sobre os temas que dominaba, como as embarcacións tradicionais.

Posúo máis de cincuenta cartas de Staffan, mais as postais de Nadal, recortes de xornais, colaxes que me enviaba...Eran cartas longas de varias cuartillas ou folios con letra xenerosa, grande, a máquina, manuscritas, aproveitando as marxes para seguir a escribir...Non era doado manter o ritmo do seu carteo. Gustaba de pór no sobre a provincia e logo sempre Galicia, España. Encabezaba sempre situando desde onde escribía, por exemplo, unha das máis comúns, Praia da Robaleira.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
Gravando a intervención de Chefa, nunhas xornadas sobre a illa de Ons.  

Teño recibido tamén libros e estudos de embarcacións tradicionais...da súa autoría. Un dos últimos foi o de Namoreime en Ons. Mágoa que non teña dedicatoria del! Só me quedou a tarxeta do editor que o envía por orde de Staffan.

Do seu trato, lembro unha pasaxe sorprendente na nosa amizade, cando os Mörling viñeron un día a Santiago para pasalo na miña casa, polo ano, quizais, 94. Chefa sempre traía “a merenda”, como dicían sempre, e non sei para que fixen eu comida...Ao remate leveinos ao tren. Aquel día pode que fose un venres, e os famosos ‘camelos’, aqueles trens amarelos, estaban ateigados de estudantes ansiosos de pasar a fin de semana nas súa casas familiares. Con dificultade Staffan e Chefa subiron, pero tras uns minutos, baixaron. E decidiron agardar por outro. Quedamos con escasas persoas no andén, cando se nos acercou un empregado da Renfe que dixo: -Señores, para aqueles que non tiveron sitio no tren, temos un autobús que vai cara a Pontevedra agardando para saír. Staffan non se inmutou, el tiña o corazón no tren. Ao cabo dun tempo, volveu o empregado advertindo que o autobús ía saír e, se non se apuraban a subir,...Staffan contestoulle que el pagara un billete de tren e quería ir en tren. Engadiu que é o transporte que menos contamina...O empregado non saía do seu asombro. Así que quedei a acompañalos ata que chegou outro tren. Morling era tan partidario deste medio de transporte que, na súa casa de Lund, Suecia, tiña un pequeno tramo de vía cunha dresina.

Carta30-491
Una de las primeras cartas que me envió Staffan (30-4-1991).

Sempre me chamou a atención que Staffan e Chefa estaban profundamente namorados. Staffan sempre asinaba todos os seus traballos xunto con Chefa, aínda que, imaxino, a creación intelectual era sobre todo del. Estaba moi orgulloso dela e implicábaa en todo o seu. Moitas veces dicía: “Casei cunha pandeireteira da Illa de Ons”. Así definía a Chefa. Ademais sempre gababa moito os seus dotes culinarios, e era ben certo, tiven moitas veces a oportunidade de degustar, en Beluso, os seus pratos, que eran unha delicia. El sempre gustaba de harmonizar preferentemente con viños galegos. Incluso onde os tomaba era importante para el, por iso gustaba das copas medievais, das cuncas tradicionais...

Mörling era un home profundamente relixioso. Esta era outra das súa compoñentes máis fortes. Aquí enlazaba cos santos medievais dos que tiña lido moito na súa xuventude. Se por el fose asistiría á santa Misa en latín todos os días...E creo non esaxerar...Un devoto da patroa de Suecia, santa Bríxida, e este era outro aspecto no que conectabamos moi ben os tres.

A parte cultural era outro nexo fortísimo. Aquela reportaxe longa, tres páxinas, no Correo Gallego, no ano 94, ‘Patrimonio Marítimo, una gran marea viva’, repasando todo o tema das embarcacións tradicionais, xunto a outra reportaxe, ‘El futuro incierto de la Isla de Ons’,  sobre un estudo histórico-xurídico que se estaba a realizar e que determinaría quen tiña competencia sobre ese territorio, serviron para estreitar a nosa amizade, loitando por temas comúns que nos identificaban como amigos.

EnsucasadeBelusoAños90
Con Chefa y Staffan, en su casa de Beluso, en los años 90. 

Tiven a fortuna de vivir o seu nomeamento como fillo predilecto de Bueu. Foi moi emocionante. Estivo apadriñado polo arquitecto César Portela. Logo da  cerimonia tivemos un almorzo nun restaurante bueués onde estivemos moitos dos seus amigos. Foi moi agradable e Staffan estaba moi contento polo recoñecemento.

O profesor Mörling era un volcán de iniciativas, un exemplo de aproveitamento do tempo...Un home cun gran nivel cultural...de análise fonda...Un namorado de Galicia e das súas xentes...Cun grande enraizamento na illa de Ons. E, ante todo, un amigo para sempre. O seu ton de voz, especialmente pronunciando o meu nome, e o seu sorriso nunca os esquecerei.

Artículo de Roberto Ledo Garrido, director de www.diarioluso-galaico.com, para a homenaxe a Staffan Mörling da revista ‘Aunios’, Maio 2022 , p. 41-42.

Mr. Mörling, un amigo para sempre
Comentarios