O letraferido Alonso Montero foi durmir fóra, despois de deixarnos un inmenso legado cultural, inconmensurable; tratar de resumir a súa obra e a súa pegada é tarefa imposible, que non vou intentar.
Durante moito tempo, seguín pola prensa e algunhas publicacións —vénme á me-moria, por exemplo, o seu impactante Informe dramático— a súa traxectoria literaria —cultural, en xeral—, ata que o coñecín persoalmente a finais dos oitenta con motivo dun premio de poesía, convocado polo Partido Comunista, no que el era xurado, que me foi concedido. Dende entón foron moitas as ocasións nas que compartín con el actividades; ou, simplemente, charlas arredor dun café nunha cafetería emblemática da rúa de Urzaiz, en Vigo, ou noutra próxima ao seu domicilio en Sanxurxo Badía, ou, máis recentemente, na que se situaba a poucos pasos do seu derradeiro enderezo na rúa Venezuela. Recordo aquelas reunións cun sabor nostálxico e grato; a conversa con Xesús creaba sempre un ambiente pracenteiro a causa da súa erudición, cordia-lidade e dominio axeitado e constante da palabra.
A primeira actividade na que tivo a amabilidade de acompañarme ocorreu na presen-tación dun libro meu, onde foi o verdadeiro protagonista, pois a súa brillante oratoria, con cadencia parsimoniosa, vocabulario selecto á vez que espontáneo, dosando sabiamente as pausas necesarias e derivacións oportunas, a súa oratoria, dicía, conquistou sempre o auditorio. Cando, máis adiante, me fixen cargo da sección de Lingua e Literatura do Instituto de Estudos Miñoráns (IEM), en Gondomar, abusei da súa xenerosa amizade e inviteino, ao longo dos anos, a media ducia de actos culturais nos que tivemos o pracer de gozar do discurso deste druída da palabra. Apráceme recor-dar algúns daqueles eventos que Alonso Montero embeleceu coa súa presenza e co seu discurso.
O primeiro, ou, polo menos, o primeiro de certa importancia, tivo lugar en 2008, cando, en novembro, dedicamos dúas xornadas a homenaxear a Victoriano Taibo na súa terra adoptiva de Morgadáns, onde exerceu o seu maxisterio durante 20 anos. A memoria deste mestre, narrador, poeta, articulista, lingüista e activista a prol do galego levaba demasiados anos esmorecendo no fallado do esquecemento, e no IEM decidimos recuperalo para que ocupase o posto que outrora conquistara no panorama cultural galego. Conseguimos da Entidade Local Menor de Morgadáns o me-cenado dun premio de poesía que levaría o seu nome, e organizamos un ciclo de conferencias con personaxes coñecidos, entre os que se atopaban Paco Fernández Rey, Manuel Forcadela, Marta Dacosta ou Armando Requeixo, ademais de Xesús Alonso Montero. No transcurso destas xornadas, presentouse o primeiro premio do novo certame, que recaera en Carlos Negro, un volume monográfico sobre o mestre de Morgadáns, con artigos dos persoeiros invitados, unha nova edición do seu Da agra aberta; contos e lendas e a primeira edición, a cargo de Requeixo, dos poemarios inéditos Abicedo e Cabrinfollas. O premio de poesía Victoriano Taibo, baixo o patrocinio agora do concello de Gondomar e de Editorial Galaxia, encara hoxe a súa dé-cimo sétima convocatoria, sempre con abundancia e calidade de participantes.
Dentro deste mesmo empeño, decidimos, máis adiante, facer unha publicación fac-similar do poema longo Lembranza da tecedeira, cuxo orixinal estaba en poder de Xesús, quen o depositou nas miñas mans para que puidese usalo na reprodución perseguida. Foi editado en 2013 acompañado de tres artigos sobre diversos aspectos do contido, asinados por Marta Dacosta, Antonio Valverde e eu mesmo. Alonso Montero acudiu á presentación, na que Anxo Angueira recitou o poema coa música de fondo de Antón Seoane.
Victoriano Taibo fora amigo do ilustre oftalmólogo vigués Antón Beiras, quen, xunto coa súa muller, Antía Cal, formaban unha parella excepcional en moitos aspectos. O que aquí nos atrae é o seu profundo galeguismo, que os impeleu a recadar material educativo en portugués, ante a súa inexistencia en galego, para procurar a educación dos seus fillos na lingua propia. Ante este panorama, don Victoriano confeccionou un libriño cun feixe de contos escritos por el e ilustrados por un seu amigo debuxante. Titulouno Contos pequenos e regaloullos a Antón e Antía. No transcurso dos anos, este opúsculo acabou en poder de Xesús, que, cando decidimos editala, confioumo para que puidese usala a tal efecto. e así, a creación de Taibo publicouse acompañada por cadanseu artigo de Hixinio Beiras, Camiño Noia, Gonzalo Navaza e Alonso Montero, que nos acompañou tamén na presentación para ilustrar a au-diencia sobre a peculiaridade irrepetible daquela familia.
Beatus qui legit, dicíanos. Beizón para quen nos deu de ler con tanta abundancia, calidade, erudición e xenerosidade. E de escoitar.
