sábado. 04.05.2024

A estrela de Belén

A estrela de Belén, dentro de pouco, volverá a iluminar o mundo unha vez máis, facéndonos chegar o que transmitiu á primeira vez: que Aquel a quen anunciaba portaba amor, paz e outra forma posible de vivir.

A estrela de Belén, dentro de pouco, volverá a iluminar o mundo unha vez máis, facéndonos chegar o que transmitiu á primeira vez: que Aquel a quen anunciaba portaba amor, paz e outra forma posible de vivir.

A estrela, aínda que pequena, é sabia. E, máis, despois de que pasarán dous mil anos dende que sobrevoou á terra para poñer o foco nalgo tan incrible e revolucionario.

Na época na que realizou a súa xesta, levada pola súa intuición, guiou a todos os que quixeron reparar nela cara ao que albiscaba que era un lugar moi especial: Belén. Dende xente poderosa de Oriente como os Reis magos, a outra sinxela como os pastores, que non sabían ler nin escribir. Aos anxos, máis intelixentes, en cambio, non tivo que dicirlles nada.

Ao principio a estrela non sabía moi ben que o que estaba a anunciar, pois un neno en panais nunha cova dunha aldea descoñecida, a priori, non parece ser unha nova que poida espertar unha grande interese. Pero o recoñecemento do que fixo sigue aí, pois a súa viaxe pola órbita terrestre tivo tal importancia que -sen ela buscalo- sigue dividindo a nosa historia entre antes e despois do nacemento do Neno.

Para a estrela de Belén, que estes días chora pola guerra entre Israel e Gaza, recordar o que viu durante o reinado do emperador romano Octavio Augusto, non é unha perda de tempo, pois sigue convencida de que a luz que irradiou pode transformar o mundo.

Cando a estrela realizou a súa fantástica viaxe, non comprendeu totalmente a importancia do que estaba a suceder; aínda que a presenza dos anxos no cortello -cousa nada habitual- animoulla sobre maneira. Pola contra, cando dende arriba -que é onde están as estrelas- viu que a infancia do Neno, aparentemente, non se distinguía en nada dos outros, a súa seguridade inicial decaeu. 

Pero cando uns cantos anos despois Xesús comezou a darse a coñecer, a estrela -aínda sendo un astro- foi caendo na conta da grandeza da súa mensaxe, baseada no amor e a apertura incondicional ao o outro, sexa quen sexa.

Naqueles tempos, como hoxe, campaba o individualismo, considerándose que o centro do universo de cada un é o propio eu. Pero Xesús deulle a volta, invertendo os valores, ensinado que o centro do corazón deben ocupalo os outros, comezando polos que temos ao carón; e este e non outro é o camiño para alcanzar a felicidade.

A máis, acompañaba a súa mensaxe realizando todo tipo de prodixios. Dende curar doentes de todo tipo, resucitar mortos ou multiplicar pans diante de grandes multitudes, ata aturar unha tormenta na que estiveron a punto de perecer quen elixiu para transmitir as súas ensinanzas. E, todo isto, utilizando o seu poder en beneficio dos demais e non no seu.

O vindeiro día 24 pola noite, como cada ano, volveremos a ver a estela de luces e cores psicodélicos que, chea de ledicia, desprende a estrela de Belén. Así como ao principio pareceulle que aquilo que viu por vez primeira podía ser algo quimérico ou froito dunha alucinación, máis adiante chegou a comprender que de incorporalo á nosa vida poderíamos alcanzar metas nunca soñadas. Se seguimos a súa estela, de seguro, a fraternidade, a harmonía e a tenrura deixarían de ser unha utopía e estarían cada vez máis preto de converterse en realidade. Bo Nadal a todos!

A estrela de Belén
Comentarios