lunes. 14.10.2024

Xavier Navaza

Morreu Xavier Navaza, un dos pesos pesados do xornalismo galego dos últimos 50 anos e irmán de Gonzalo Navaza, catedrático de literatura e unha das persoas que máis saben de toponima en Galicia, que foi meu profesor nos meus serodios estudos de filoloxía galega na Universidade de Vigo. 

Morreu Xavier Navaza, un dos pesos pesados do xornalismo galego dos últimos 50 anos e irmán de Gonzalo Navaza, catedrático de literatura e unha das persoas que máis saben de toponima en Galicia, que foi meu profesor nos meus serodios estudos de filoloxía galega na Universidade de Vigo. Desde aquí quero trasladar as miñas condolencias á familia e ás persoas achegadas, comezando por Gonzalo.

Xavier tiña un impresionante currículum profesional, que vén de ser lembrado, como non podía ser menos, polo Colexio de Xornalista de Galicia na nota de prensa que acaba de difundir co gallo da súa morte.

Navaza naceu en Lalín en 1948 e, tras estudar Enxeñería Técnica Naval, comezou a traballar a comezos dos anos 70 no xornal Tele/Exprés de Barcelona, o que o levaría a licenciarse en Ciencias da Información na Universidade Autónoma en 1976. Naquela altura, realizou reportaxes para algunhas das revistas máis influíntes da Transición, como InterviúLa Calle e Actual. De regreso a Galicia, foi cofundador de Teima –a primeira revista editada íntegramente en galego desde a Guerra Civil, nunca suficientemente– e correspondente de El Periódico de Catalunya, Pueblo e Informaciones. En 1979 foi nomeado xefe do gabinete de prensa da Xunta de Galicia, posto no que perteneceu ata 1990. Posteriormente foi subdirector de Xornal Diario de Pontevedra (1991) e puxo en marcha distintos programas na CRTVG, como Etcétera. A última etapa da súa vida laboral estivo vinculada especialmente ao xornal compostelán El Correo Gallego.

Aí foi onde eu coincidín con el. Era aínda o Correo editado por Feliciano Barrera e dirixido por Xosé Manuel Rey Nóvoa. Coido que cando cheguei en 1991 Xavier xa estaba nel. Traballamos xuntos na sección de Galicia, da que creo que el era xefe de sección, categoría da que nunca pasou no diario aínda que tiña capacidade e formación como para ser como mínimo redactor xefe. En fin, cousas do funcionamento interno das empresas xornalísticas, que a maioría das veces non responde á meritocracia senón a outras cuestións máis discutibles.

Sentabamos moi preto o un do outro. Só tiñamos en medio a Javier Aguado, outro estupendo xonalista que estes últimos anos traballou como xefe de prensa do Arzobispado de Santiago de Compostela. Descoñezo se se xubilou xa. Lembro a Navaza como un home afable e divertido, ao que daba gusto escoitar. Era un gran conversador e sempre tiña historias e anécdotas vencelladas coa profesión –ou non– que se escoitaban con gozo. Era un xornalista de raza, con olfacto, informado e culto. Os nosos encontros fóra do xornal non foron moitos, pero si sempre moi gratificantes para min, sobre todo os xantares que un grupo de redactores adoitabamos ter na tristemente desaparecida pulpería “O Catro” da Porta do Camiño. Paréceme como se o estivese a escoitar arestora.

Xavier escribiu tamén algúns libros. Eu teño dous deles, que me adicou cariñosamente: Disparos, unha crónica dos movementos revolucionarios galegos da segunda metade do século XX, e El Correo Gallego: doce décadas de periodismo en Galicia, onde contaba a historia do que foi o seu e o meu xornal, a miña escola práctica de xornalismo –foi o meu primeiro traballo, acabado de saír da Facultade–, onde aprendín todo o que se debía facer e non facer nesta profesión.

Lamento moito a morte de Navaza, pero todos, tarde ou cedo, teremos que ir algún día para onde el xa partiu. Despídoo coa alegría de coñecelo e o agradecemento polo agarimo con que sempre me tratou.  

Xavier Navaza
Comentarios