Verdade
Vivimos no peor dos mundos posibles. No peor, non no mellor, como din ás veces algúns ilusos ou cínicos. Este mundo, en efecto, non ten remedio. Vivimos no peor dos mundos porque ten dado ás costas á verdade. Vive negándoa acotío, instalado na mentira, esclavo dela (“A verdade faravos libres”, ensinounos Xesús).
Velaquí un exemplo (calquera) do que estou a expor. Vexo na televisión unha entrevista do xornalista galego Xabier Fortes ao escritor e avogado catalán Xavier Melero co gallo da publicación da súa última novela, “Crímenes decentes”. O xornalista pregúntalle: “–Necesita un avogado saber se o seu cliente é culpable?”. E o escritor respóndelle que non, e engade un comentario que me deixa abraiado polo seu cinismo: “Pretender coñecer a verdade é algo soberbio e cándido”.
Entendo que un avogado ten que buscar sempre o mellor para o seu cliente: se é inocente, a súa absolución; se é culpable, a condena máis benigna posible. Pero para iso precisa saber que aconteceu, cal é a verdade das cousas. Despois poderá construír un relato subxectivo que procure atenuantes e xustificantes para a actuación do seu cliente. Pero primeiro terá que coñecer –e asumir– a verdade dos feitos obxectivos.
As palabras de Melero recórdanme as de Pilatos ante Xesús: “E que é a verdade?”. En realidade, o peor do prefecto non foi a literalidade das súas verbas, senón como, tras dicilas, deu as costas ao reo para non escoitar a súa resposta. Porque non é que non soubese que é a verdade; é que non quería sabelo (“Non hai peor xordo que o que non quere oír”, como dixo o propio Xesús). En realidade, o nazareno xa lle explicara que é a verdade: El mesmo. “Eu para isto nacín e para isto vin ao mundo: para dar testemuño da verdade. Todo o que é da verdade escoita a miña voz”. Porque a verdade é El. A Verdade, con maiúscula.
E seguindo coas palabras de Xesús –“O que non está comigo está contra min”–, temos que concluír que quen non está coa verdade está coa mentira. Non hai termo medio. E o pai da mentira é Satanás, como nos advirtiu o nazareno. Pois aí –na mentira e no bando do demo– sitúase o avogado que non quere servir á verdade, como se coloca tamén o xornalista que fai outro tanto. Nin o primeiro é un avogado nin o segundo un xornalista de verdade. Son só instrumentos da mentira e da inxustiza; en definitiva, do mal. Do Mal, con maiúscula. É dicir, do demo.
P. D.: Semella que este artigo me saíu ben cristián, cheo de citas de Xesús. Pero que queren? Eu son católico e, sobre todo, Xesús foi o home máis sabio da historia. Que mellores citas ca as súas.