Setembro

Volver a empezar, de José Luis Garci (1982), foi o primeiro filme español en gañar o Óscar á mellor película en lingua non inglesa (“á mellor película estranxeira”, diciamos daquela). Antes acadárao El discreto encanto de la burguesía (1972), de Luis Buñuel, pero tratábase dunha producción hispano-italiana-francesa.

Volver a empezar, de José Luis Garci (1982), foi o primeiro filme español en gañar o Óscar á mellor película en lingua non inglesa (“á mellor película estranxeira”, diciamos daquela). Antes acadárao El discreto encanto de la burguesía (1972), de Luis Buñuel, pero tratábase dunha producción hispano-italiana-francesa.

Acórdome disto agora, cando entramos en setembro, que representa sempre outro “volver a empezar”, outro novo comezo. Por un lado, o menos interesante para min, porque supón unha volta á rutina cotiá, despois da paréntese das vacacións estivais. Pero por outro, o que máis me interesa aquí, porque –en canto principio dun novo curso (académico ou simplemente vital)– constitúe sempre un período aberto a novas oportunidades, unha etapa para nos poñer (e tentar cumprir) novos retos, novos obxectivos, novas actividades coas que encher o noso tempo e –o que é máis importante– o noso corazón. Novas ilusións, en definitiva. Acontece o mesmo que co ano novo, co comezo do ano. Os expertos recórdannos que aquí a clave está en nos fixar propósitos realistas e adaptados ás nosas posibilidades, recomendación verdadeiramente útil e, en calquera caso, de sentido común.

Os humanos somos así, dados a dividir o tempo cronolóxico en períodos fixos e ademais recorrentes: días, semanas, meses, estacións, anos, décadas… Paréceme ben intelixente. Desta maneira, cada pouco, asistimos a un novo comezo, á posibilidade dun novo renacemento. Por suposto que o pasado segue a estar aí, coma o dinosaurio de Augusto Monterroso –non o podemos borrar–, pero algo dentro e fóra de nós nos convida a pensar por un tempo que xa non ten tanto peso, que podemos alixeirar a súa carga afrontando novos retos na nova estapa que estreamos.

Feliz inicio do novo curso a todos. Ogallá que non nos faltan novos propósitos para as nosas vidas nin novas ilusións.