Policía

Ilustración de DL-G.
Os policías (e os gardas civís) son, certamente, uns dos profesionais que máis ben nos fan a todos e aos que máis temos que admirar e agradecer. Están aí para nos protexer, coidar e defender cando máis o necesitamos. E fano, ademais, xogándose moitas veces a vida.

 

Detéñome nun semáforo en vermello, porque é a miña obriga e, sobre todo, porque ao meu carón hai un meniño co seu pai. Aos cativos hailles que predicar co exemplo. De pouco serve que os seus proxenitores lles digan que non deben cruzar cando a luz do semáforo está vermella se despois ven cruzar os demais. Dicía que me deteño nun semáforo canda un meniño e o seu pai, e escoito a conversa que teñen: –Aí están os policías –di o neno sinalando a comisaría que se ergue xusto diante dos nosos ollos. –Si, aí están –retruca o pai. –E son os meu amigos –remata o meniño.

A anécdota faime acordante de cando o meu afillado Robel era tamén pequechiño e se achegaba contento aos policías na rúa para os saudar. Eles, por suposto, devolvíanlle o saúdo cun gran sorriso.

E aínda recordo algo mais ao respecto. Cando eu era neno, meu pai, sempre que coincidía cun garda civil, facíalle o saúdo militar ou de viseira; é dicir, levando a man dereita, cos dedos xuntos e estendidos, cara á tempa. Por que facía iso? Era el militar? Non, pero sospeito que ese xesto de respecto e complicidade viña do xeito de que pasara seis anos no Exército: tres facendo a guerra –en 1936 cumpriu 18 anos e, xaora, foi axiña mobilizado– e outros tres despois, no servizo militar. Si, como len: rematada a guerra, aínda tivo que facer a “mili” (e durante tres anos), como se ese trienio guerreando non fose adestramento militar abondo.

Os policías (e os gardas civís) son, certamente, uns dos profesionais que máis ben nos fan a todos e aos que máis temos que admirar e agradecer. Están aí para nos protexer, coidar e defender cando máis o necesitamos. E fano, ademais, xogándose moitas veces a vida.

Porén, en España hai moitas persoas que adoitan falar mal das nosas forzas e corpos de seguridade do Estado. A maioría deles comparten o feito de teren máis de sesenta anos e cultivaren aínda unha imaxe “progre”, que é, precisamente, a que lles fai falar así destes profesionais. Para eles, a policía e a garda civil son sinónimo de corrupción e abuso de autoridade. Por suposto, o que din non ten nada que ver coa realidade (máis alá das excepcións que existen en todas as profesións e que, no caso que nos ocupa, poden ter consecuencias especialmente graves por se tratar de persoas armadas). Trátase dun prexuízo que se explica só polo sectarismo “progre” que encarnan. Ao cabo, atrás dese “progresismo” o que hai é unha exaltación máxima da autonomía individual que lles fai rexeitar calquera figura de autoridade: a policía, o xefe, o profesor, o pai, Deus…

Si. Como dicía o meniño do semáforo, os policías e os gardas civís son os nosos amigos. Cóidannos e protéxennos. A todos. Tamén a aqueles que os critican inxustamente.