Non son laretas, pero si curioso –xornalista, ao cabo– e non podo evitar prestar atención a certas conversas ao meu arredor. Hai uns días, no Vitrasa, o autobús urbano de Vigo, escoitei falar a dúas mulleres de mediana idade que sentaban xusto detrás de min: “Cos teus antecedentes familiares, vas vivir cen anos”, dicíalle a unha á outra. E a interpelada respondía: “Gustaríame se non molestase a ninguén, pero se molestase, non. Non quero molestar”.
Quen nos compuxo o engano de que envellecer –vivir– é molestar? Quen nos convenceu da falacia de que precisar os coidados dos nosos seres queridos cando imos vellos ou enfermos é molestar? E, sobre todo, quen nos meteu na cabeza a mentira de que ocasionar ese tipo de molestias –porque, ao final, si son molestias, claro– é unha ofensa intolerable, un auténtico crime, de maneira que o mellor que podemos facer é morrer?
Envellecer, precisar os coidados doutros máis novos e sans ca nós, nomeadamente dos nosos seres queridos, é convivir, axudarnos mutuamente, amarnos os uns aos outros, como foi sempre a norma e a esencia da familia, que non é senón unha escola e unha comunidade de amor.
Claro que o vello e o enfermo que non poden valerse por si mesmos provocan molestias, pero son molestias que se toman, que se deberían tomar, de mil amores. Amar é iso: molestarse, sacrificarse polo outro. Ou que pensabamos? Só podemos realizarnos como persoas, crecer persoalmente e, asemade, ser felices molestándonos polos demais, amándoos.
Detrás deste engano, desta idea absurda que nos teñen metido na cabeza aos homes e ás mulleres modernos están o individualismo e mais o egoísmo que caracterizan a nosa sociedade. Os mesmos que teñen deturpado a familia ata faceren dela apenas un contubernio, que non ten nada que ver co amor. Os mesmos que tentan facer que desbotemos calquera pulo altruísta que nos mova a saír de nós para atender as necesidades dos demais. Os mesmos que andan detrás do aborto e mais da eutanasia: nenos que molestan, vellos que amolan. Mellor eliminármolos para eliminarmos a molestia, o problema. Morto o can, acabouse a rabia.
Dicir “non quero chegar a vello porque non quero molestar a ninguén” é tan absurdo coma se o nasciturus, o nonato, dixese á súa nai: “Non quero nacer porque non te quero molestar”. Claro que, por desgraza, si acontece o contrario: a nai que aborta e dille ao seu fillo: “Non quero que nazas porque non quero que me molestes, porque non quero molestarme por ti”.
“Non quero molestar”, dicía a muller do autobús. “Non quero molestar”, din todos os días a inmensa maioría dos vellos e dos enfermos da nosa sociedade actual. Pois non: molesta! Ama e déixate amar!