lunes. 03.11.2025

Leonor

Veñen de entregarse un ano máis os Premios Príncipe de Asturias e observo polos medios de comunicación como a princesa vai gañando cada vez máis protagonismo na cerimonia de entrega, como non podía ser doutra maneira, tendo en conta que os galardóns levan o seu nome e que ela xa é maior de idade. 
La Princesa de Asturias entrega el Premio Princesa de Asturias de Comunicación y Humanidades 2025 a Byung-Chul Han. © CASA DE S.M. EL REY.
La Princesa de Asturias entrega el Premio Princesa de Asturias de Comunicación y Humanidades 2025 a Byung-Chul Han. © CASA DE S.M. EL REY.

Veñen de entregarse un ano máis os Premios Príncipe de Asturias e observo polos medios de comunicación como a princesa vai gañando cada vez máis protagonismo na cerimonia de entrega, como non podía ser doutra maneira, tendo en conta que os galardóns levan o seu nome e que ela xa é maior de idade. Disque Felipe VI pensa deixar de acompañala na entrega a ela a partir do vindeiro ano, coincidindo co vinte aniversario da súa filla, como fixo o rei Juan Carlos I con el cando acadou esa mesma idade.

Teño para min que Leonor vai ser unha raíña extraordinaria, mellor mesmo que o seu pai, e iso que Felipe VI me parece o mellor monarca español de toda a historia. Teño clarísimo que lle dá mil voltas (ou son un millón?), desde todos os puntos de vista (persoal, intelectual, político, institucional…), a calquera dos seus detractores, e non digamos se estes se chaman Pablo Iglesias, Carles Puigdemont, Aitor Esteban ou Ana Pontón.

Polo de pronto, coido que Leonor é xa a herdeira ao trono de España con mellor formación, por riba mesmo da do seu pai –que foi moi boa–, e teño o presentimento de que vai ser a mellor raíña da nosa historia (e cando digo “raíña” non me refiro só as mulleres monarcas, senón tamén aos homes).

Non o vai ter nada fácil a hoxe princesa. Todo o contrario. Terá que afrontar situacións gravísimas, moito máis ca as que afrontaron o seu avó e o seu pai, e que xa é dicir. Felipe VI aínda as afronta acotío. Son moitos os que traballan para que caia, pero, polo de agora, vai superando con xeito todos os atrancos. Os “progresistas” ódiano (en última instancia, porque é o derradeiro bastión da democracia para se defender das apetencias totalitarias deles), pero o pobo non é parvo (aínda que os políticos o traten como tal) e valórao moito máis (a el como rei e a monarquía como institución) ca a calquera dos seus detractores.

Remato cunha aclaración: eu non son monárquico nin antimonárquico. Quero dicir que non o son “esencialmente”. Pero teño ollos e maxín, e doume de conta de que a España lle ten ido mellor coa monarquía que coa república, e iso que houbo monarcas moi malos. Para empezar, só tivemos república durante oito anos, e iso sumando as dúas experiencias. E se non duraron máis non foi só nin fundamentalmente polos ataques dos seus inimigos, senón polos seus propios erros. Pero do que estamos a falar aquí e non é do pasado da monarquía, senón do seu futuro. A min paréceme que está máis ameazada que nunca, pero tamén que sairá adiante e que, con Leonor ao fronte, España vivirá un longo período de esplendor.

Leonor
Comentarios