Inmigrantes

Hoxe vou falar de inmigración, pero –chámenme lacazán, se quixeren– non vou ser eu quen escriba realmente este artigo. Vou dar a voz ao cardeal Robert W. McElroy, arcebispo de Washington. 

Hoxe vou falar de inmigración, pero –chámenme lacazán, se quixeren– non vou ser eu quen escriba realmente este artigo. Vou dar a voz ao cardeal Robert W. McElroy, arcebispo de Washington. Mais antes quería deixar claros algúns puntos de partida da miña posición:

1) Todas as persoas, polo feito de o seren, teñen o dereito de migraren para melloraren o seu nivel de vida e o dos seus fillos ou, con moita máis razón, para escaparen de situacións que poñan en perigo a vida ou liberdade deles mesmos ou das súas familias.

2) Todos os Estados teñen o dereito de regularen esas migracións. En realidade, sempre o fixeron, mesmo aqueles dos que cremos que abriron de par en par as portas dos seus países á inmigración nalgún momento da historia, coma a Arxentina de finais do século XIX e principios do XX ou os EEUU dos tempos da “conquista do Oeste”.

3) Non é certo que as políticas de inmigración das esquerdas e das dereitas sexan diferentes, alén das saídas de ton dialécticas de Vox: as das esquerdas, máis permisivas; e as das dereitas, máis restritivas. Iso é mentira. Basicamente, son iguais. Velaquí tres mostras disto:

a) Segundo ACCEM, organización sen ánimo de lucro especializada na atención de refuxiados e inmigrantes en situación irregular ou de risco social, en 2024 o Goberno español (de esquerdas) só concedeu o estatuto de refuxiado a 6.355 persoas, dun total de 167.366 solicitudes, é dicir, apenas o 3,80%. Certo é que outras 11.453 persoas recibiron a protección subsidiaria, pero estamos a falar doutra cantidade irrisoria (o 6,84%).

b) Barak Obama deportou máis persoas que Donald Trump. En realidade, o exmandatario estadounidense deportou máis inmigrantes que ningún outro presidente nas últimas tres décadas, segundo os datos públicos de deportacións de 1993 a xuño de 2025 revisados por Factchequeado, unha iniciativa colaborativa non partidista e sen fins de lucro que loita contra a desinformación que afecta as comunidades latinas e hispanas nos Estados Unidos. Tamén é certo que a política migratoria de Obama se centrou na deportación de inmigrantes con cargos criminais e ameazas á seguridade nacional, mentres que con Trump se ten etiquetado como deportable calquera indocumentado.

c) Non foi un dirixente de esquerdas, senón unha de dereitas, a daquela canciller de Alemaña Angela Merkel, quen impulsou en 2015 a política de portas abertas que permitiu a centos de miles de refuxiados de Siria, Afganistán o Irak instalárense no país. Unha política de portas abertas como non houbo antes nin volveu haber despois en toda Europa. Un exemplo de auténtica empatía cos máis vulnerables verdadeiramente insólito entre a clase política europea.

Dito isto, cedo xa a voz ao cardeal Robert W. McElroy, para o que transcribo e traduzo do castelán as súas declaracións publicadas no número 257 da revista Misioneros Tercer Milenio, e aproveito, de paso, para dicir que neste tipo de publicacións pódense atopar novas que nunca traerán os grandes medios de información aos que estamos afeitos:

“O cardeal Robert W. McElroy, arcebispo de Washington, mostrouse moi crítico coa política de detencións e deportacións posta en marcha nos EEUU polo presidente Donald Trump, cualificándoa de ‘inhumana e “moralmente repugnable’. Para o cardeal, ‘é xusto poder controlar as nosas fronteiras. Porén, o que está a suceder agora vai moito máis alá. É unha deportación masiva e indiscriminada de homes, mulleres, nenos e familias que literalmente destroza, e ten a intención de o facer’. ‘Isto –asegura– non só é incompatible coa ensinanza católica, senón que é inhumano e moralmente repugnante’. McElroy denuncia que as medidas adoptadas por Trump pretenden ‘crear un profundo medo’ entre os millóns de indocumentados que hai no país, a maioría dos cales, engade, ‘teñen traballado duro, convivido coas leis e contribuído enormemente á sociedade”.

Amén.