A Festa do Vinho Verde de Ponte de Lima: unha exaltación da vida

Amancio Cerqueira guiou a visita da Secretaria de Estado, Isabel Ferreira.
Que veña o viño e veña a vida. A beber e a vivir. Non en van, xa os romanos dicían iso de “Beati hispani, quibus vivere bibere est”; é dicir, “Benditos os hispanos (os habitantes da península ibérica, portugueses e españoles hoxe), para quen vivir é beber”. Dicíano porque non diferenciaban a pronuncia dos fonemas “b” e “v”, si, pero tamén –se non, buscarían outro símil– polo seu amor polo viño. Polo seu amor e mais polo seu bo facer.

“Si viene el vino, viene la vida”, cantaba o arxentino Horacio Guaraní. Se vén o Viño Verde, vén a vida a Ponte de Lima e a todos os que se achegan a ela. E a XXX Festa do Vinho Verde e dos Produtos Regionais tráenos esta vida cada ano desde hai trinta, porque xa son tres décadas as que cumpriu este evento tan importante para o norte de Portugal e que a tantos galegos atrae.

A Festa celebrouse esta pasada fin de semana –do 10 ao 12 de xuño– no Pavillón de Feiras e Exposicións Expolima cunha calor afogante, como se tampouco o particular clima da zona quixese faltar á cita, lembrando que é, canda o solo e as castes de uva, un dos segredos destes viños extraordinarios. Xaora que o loureiro é a variedade raíña, mais non a única, nin moito menos: velaí, por exemplo, o albariño, irmán do de Galicia, e varias máis.

Isabel Ferreira, secretaria de Estado de Desenvolvemento Rexional, foi a convidada. Ao lado do alcalde de Ponte de Lima, Vasco Ferrás (dereita) e o edil Carlos Lago. FÉLIX CABALLERO.

Foron moitos os produtores que expuxeron as súas creacións, despois de dous anos de ausencia por mor da covid. Había gañas de amosar os produtos e tamén de ir velos e degustalos. O oferta tan grande fixo case interminable o percorrido polos postos da secretaria de Estado de Desenvolvemento Rexional, Isabel Ferreira, que veu pór de manifesto a importancia que o Goberno de Lisboa concede a este evento e a estes viños. Ferreira estivo acompañada polo alcalde de Ponte de Lima, Vasco Ferrás. Á Festa non faltou tampouco unha representación da Confraría do Vinho Verde –co seu gran mestre, Mariano Correia, á fronte–, que tanto fai pola proxeccion da compoñente cultural destes caldos.

A Festa do Vinho Verde e dos Produtos Regionais de Ponte de Lima está a recoller nos últimos anos o traballo esforzado de varias xeracións de agricultores, produtores e comerciantes, e mais de dúas institucións educativas tan importantes para a zona como son a Escola Rexional de Agricultura e Desenvolvemento Rural e a Escola Superior Agraria, que naceu vencellada ao Instituto Politécnico de Viana do Castelo.

Ferreira quixo fotografarse con membros da Confradía do Vinho Verde. FÉLIX CABALLERO.

A Festa ten ido ampliando o seu campo de acción a outros produtos gastronómicos da zona. Proba diso foi a degustación gratuíta coa que rematou o evento, na que, ademais do viño, os asistentes puideron catar queixos, embutidos e outras viandas que viñeron lembrar a todos ese ritmo lento da vida no rural que permite saborear non só a comida e mais a bebida, senón a existencia toda.

Os viños verdes son, se cadra, a meirande marca de identidade e prestixio desta rexión, mais non o seu único atractivo. Unha rexión, por certo, chea de historia. Non podemos esquecer que Ponte de Lima é considerada a vila máis antiga de Portugal debido ao foro que recibiu en 1125 de Teresa de Léon, filla de Afonso VI de Léon e nai de Afonso I de Portugal, o primeiro rei do novo Estado. Trátase dun destino turístico por excelencia, do que nos últimos meses está a dar tamén outras mostras como o Festival Internacional de Jardíns –inaugurado o pasado 27 maio e que se prolongará aínda ata o 31 outubro, ben entrado o outono– e aínda dará maís axiña coa XIV Féria do Cavalo, que terá lugar do 7 ao 10 de xullo.

A Secretaria de Estado visitou a todos os produtores de vinho verde .
-neste caso Casa da Cuca-  e outros de produtos rexionais. FÉLIX CABALLERO.

E volvendo ao viño, cómpre salientar que en menos de vinte días temos xa tamén a XXV Festa do Albarinho de Monçao, outro evento vitivinícola do que Portugal todo, e moi especialmente o norte, se pode sentir moi orgulloso.

Que veña o viño e veña a vida. A beber e a vivir. Non en van, xa os romanos dicían iso de “Beati hispani, quibus vivere bibere est”; é dicir, “Benditos os hispanos (os habitantes da península ibérica, portugueses e españoles hoxe), para quen vivir é beber”. Dicíano porque non diferenciaban a pronuncia dos fonemas “b” e “v”, si, pero tamén –se non, buscarían outro símil– polo seu amor polo viño. Polo seu amor e mais polo seu bo facer.