domingo. 28.04.2024

Concha Velasco

Morreu Concha Velasco, “a artista total”, como a ten chamado a prensa estes días. E érao. Alén do seu talento, o que máis destacaba nela era a súa versatilidade. Fíxoo todo, e todo ben. Foi bailarina (como tal comezou), actriz, cantante e presentadora. Actuou en revista, teatro, cine e mais televisión. E brillou tanto na comedia como no drama.

Morreu Concha Velasco, “a artista total”, como a ten chamado a prensa estes días. E érao. Alén do seu talento, o que máis destacaba nela era a súa versatilidade. Fíxoo todo, e todo ben. Foi bailarina (como tal comezou), actriz, cantante e presentadora. Actuou en revista, teatro, cine e mais televisión. E brillou tanto na comedia como no drama.

Era “una muchachita de Valladolid” –aí naceu en 1939 (morreu con 84 anos)–, título dunha comedia de Joaquín Calvo Sotelo que ela interpretou en 1973 nun daqueles míticos “Estudio 1” de TVE. Outro dos moito que fixo foi o  Don Juan Tenorio (1966), canda Paco Rabal. Este lémbroo mellor porque comprei o vídeo cando se comercializou hai uns poucos anos. Era unha rapaciña de Valladolid –digo– e na súa cidade foi soterrada, no Panteón dos Ilustres, xunto ao poeta José Zorrilla e o novelista Miguel Delibes. Case nada.

A súa carreira artística desenvolveuse durante oito décadas, todo un récord. Comezou a mediados dos 50 como bailarina no corpo de baile da ópera da Coruña e na compañía de Manolo Caracol como bailaora flamenca. De 1954 data a súa primeira película, La reina mora, na que só tiña 15 anos. O seu debut no teatro foi en 1959, na revista Ven y ven al Eslava. Na televisión estreouse nos 60 nos “Estudio 1” que mencionaba, e como presentadora, en 1985, no especial de Fin de Ano de TVE. A súa derradeira aparición no cine foi en 2020 (Malasaña 32) e no teatro, aínda despois. Retirouse o 21 de setembro de  2021 en Logroño con La habitación de María, unha obra escrita para ela polo seu propio fillo, Manuel Martínez Velasco. Ao longo destas oito décadas, pasou para todos de ser Conchita a Concha e logo a doña Concha. Con semellante traxectoria, sorprende moito que non gañase nunca un Goya ata o de honra que recibiu en 2012. Curioso é tamén que a súa sobriña Manuela Velasco o gañase antes, en 2007. No seu caso, o Goya á mellor actriz revelación.

Foron, pois, moitísimas as revistas e obras de teatro, as películas, as teleseries e os programas de televisión que fixo, mais coido que non me engano se digo que a maioría de nós gardaremos especialmente na memoria catro momentos da súa traxectoria. Cítoos por orde cronolóxica. O primeiro, o seu papel en Las chicas de la Cruz Roja (1958), a película de Rafael J. Salvia onde coincidiu –coido que por primeira vez– con Tony Leblanc, unha das súas parellas cinematográficas por excelencia, co que fixo outros cinco filmes. Outra desas parellas foi o cantante Manolo Escobar, con quen compartiu cartel tamén en seis películas. Si, no imaxinario colectivo dos españois Concha Velasco –Conchita, daquela– foi “chica de la Cruz Roja” antes que “chica yeyé”. A súa interpretación de La chica yeyé é, precisamente, o segundo momento. A canción, composta por Augusto Algueró con letra de Antonio Garrido, formaba parte da película Historias da televisión, dirixida en 1965 por José Luis Sáenz de Heredia, o primeiro amor da actriz, 20 anos máis vello ca ela. Por certo que, malia que a intérprete se converteu de socato para o público español na chica yeyé por antonomasia, na película ela non era tal, senón xustamente a contrincante da chica yeyé. A canción recrea o desamor que sofre unha muller  tradicional fronte á súa potencial competidora: a vangarda representada pola chica yeyé. Por iso, a letra di: “Búscate una chica, / una chica yeyé, / que tenga mucho ritmo / y que cante en inglés”. Pero sigamos. A terceira imaxe de Concha Velasco que creo que gardaremos todos na memoria é a da súa abraiante metamorfose en Santa Teresa de Jesús, na serie de televisión de 1984 dirixida por Josefina Molina. España toda ficou impactada. A actriz amosou aí non só a súa gran capacidade tamén para o drama, senón que era quen de algo que unicamente os máis grandes poden conseguir: facer crer o público que ela –tantas veces identificada cunha rapaza lixeira, quer “de la Cruz Roja”, quer “yeyé”– era a mesma santa. Por fin, o cuarto momento dos que falo é a súa interpretación do número Mamá, quiero ser artista na comedia musical do mesmo título, estreada en 1986. A canción fora composta tamén polo mestre Algueró. Ademais, todo o mundo entendeuna deseguido como unha declaración de principios autobiográfica.

A actriz foi tamén carne de cañón da prensa rosa, por mor do seu tormentoso matrimonio con Paco Marsó, que rematou en divorcio en 2005. A parella non saltou ás revistas do corazón só polas súas liortas sentimentais, senón tamén polas graves dificultades económicas que padeceu e polo seu litixio con Facenda. Seica a orixe de todo estivo no costume do seu home, que era o produtor dos seus espectáculos, de tirar a casa pola fiestra cada vez que montaban unha revista ou unha obra de teatro. Non escatimaba medios. Ao revés, gastaba dun xeito máis ca esaxerado. E, claro, recuperar tantos cartos non era fácil, por moito que Concha adoitase encher as salas en que traballaba. De feito, ata na súa derradeira representación, na capela ardente en que se velou o seu corpo no Teatro da Latina de Madrid, acadou un cheo total. E é que foron milleiras as persoas anónimas –alén das autoridades, a comezar polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez– que quixeron achegarse a lle dar o seu derradeiro adeus.

Eu tamén quérome despedir dela aquí por última vez. Adeus, Concha. A prensa e a televisión están a dicir que fuches a máis grande e pode ser. Do que non hai dúbida é de que poucos deixaron no público a pegada que deixas ti.

Concha Velasco
Comentarios