Comer
Fun esta tarde ao hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo para visitar unha amiga aí ingresada e nunha parede, preto da cafetaría, vin unha cita impresionada do famoso escritor que me chamou a atención: “Todos os homes nútrense, pero só uns poucos saben comer”. Xusto o que sempre pensei eu: unha cousa é nutrirse e outra, comer. Mentres que os animais só se nutren, os humanos somos quen de convertermos a nutrición en gastronomía. Acontece con isto algo semellante ao que pasa co sexo. Para as bestas é só instinto, fisioloxía, mais nós temos a virtude de facermos del amor, doazón, comuñón. Ao, polo menos, intercambio e xogo. Pero escribamos completa a cita do autor do Simbad e do Hamlet, porque non ten desperdicio: “Con reflexión e o pensamento debemos escoller os nosos pratos e coa imaxinación degustalos, xa que sen imaxinación toda a alimentación do home se reduciría seguramente a unhas pílulas. O cal quere dicir que son as xentes de imaxinación case sempre as que mellor comen. Para comer ben cómpre engadirlle á comida unha chisca de literatura e fantasía”.
Cunqueiro foi un home dunha imaxinación extraordinaria e, xaora, tamén un grandísimo gastrónomo ou gourmet. Eu, sen chegar ao seu nivel, son tamén un bo comedor, nos dous sentidos da palabra, que no fondo veñen ser o mesmo: como de todo –non lle torzo o fociño a nada– e gozo moito comendo. Digo que veñen sendo o mesmo porque estou certo de que aqueles a quen nos aprenderon a comer de todo non podemos deixar de gozar comendo. Desfrutamos comendo precisamente porque nos ensinaron a comer de todo. Aqueles que son mexeriqueiros ou melindrosos coa comida –“isto non me gusta, isto tampouco” (por certo que moitas veces nunca probaron iso que din que non lles gusta)– son incapaces de gozar coa comida, por moito que poida haber un prato que lles gorente moito. O verdadeiro gastrónomo goza comendo porque come de todo.
Si, comer e beber era un dos grandes praceres da vida para o autor de Herba aquí ou acolá e éo tamén para min. Outro é conversar cos amigos, pasar o tempo con eles. Afortunadamente, son dous praceres que se poden mesturar: non hai, pois, nada que supere unha comida cos amigos. Iso é imbatible, como dixo Pedro Sánchez do chuletón: “A mí, donde me pongan un chuletón al punto, eso es imbatible”. Acórdanse?
Por iso mesmo, un xantar de traballo semella case algo contraditorio, o máis afastado que un poida imaxinar dun xantar de amigos. Ou talvez non, porque, cunha boa comida diante, non é doado manter claros os límites. Acaban confundíndose. Por iso tantos grandes negocios téñense selado en xantares de traballo. O amor compartido pola boa comida termina por converter os comensais en amigos. Se a política fai estraños compañeiros de cama, a boa mesa fai compañeiros os estraños.