Cando era adolescente, soñaba, como todos os rapaces da miña idade, non só con comer o mundo, senón tamén, e sobre todo, con cambialo. Para mellor, xaora. Como escribiu Jaime Gil de Biedma no seu inesquecible poema “No volveré a ser joven”: “Que la vida iba en serio / uno lo empieza a comprender más tarde / –como todos los jóvenes, yo vine / a llevarme la vida por delante”.
Daquela, un profesor –un xesuíta, o padre Colino, porque eu estudei tanto a Primaria como a Secundaria nun colexio desa orde– díxonos que debiamos limitar as nosas expectativas: chegaba con que cambiásemos o metro cadrado que tiñamos ao noso redor. Entón non entendín nin compartín o seu consello. Insisto en que eu o que quería era mudar o mundo enteiro, de arriba abaixo.
Despois, cos anos, fun comprendendo que o verdadeiramente importante e eficaz no é cambiar o mundo –as súas estruturas ou circunstancias–, senón os corazóns das persoas. Os corazóns e as mentes, quero dicir.
E logo entendín tamén que ese cambio dos corazóns e dos cerebros debía empezar cos meus. Como lin algunha vez en algures: “Sé ti o cambio que queres ver no mundo”. E tamén: “Cambiei eu, cambiou o mundo”.
Hoxe doume de conta plenamente de que o padre Colino tiña razón: non só non se trata de cambiar o mundo enteiro –“quien mucho abarca, pouco aprieta”, dicimos en castelán–, senón que se cadra nin sequera fai falla mudar ese metro cadrado circundante do que nos falaba o profesor: só os nosos corazóns e cerebros. É dicir, a nós mesmos, só a nós.
O que acontece é que cambiar un é moi difícil, desde logo moitísimo máis que simular que contribúes a mudar o mundo. Para isto último chega con saír á rúa e vociferar: manifestarse, berrar consignas, esgrimir pancartas, romper farolas, destruír escaparates, envorcar colectores… Todo iso que adoitan facer os nosos valentes “revolucionarios”.
Pero para cambiar un mesmo cómpre estudar, meditar, reflexionar, traballar, desenvolver a empatía, axudar os demais, cultivar todo tipo de virtudes… Ah, iso supón compromiso e sacrificio, e non sei cantas outras cousas máis que a inmensa maioría de nós non estamos dispostos a facer.
Como todos os mozos, eu vin a levar a vida por diante, pero agora que son vello faría ben en tentar cambiar o meu corazón e a miña mente. Sen dúbida, o mundo tamén cambiaría.
