jueves. 01.01.2026

Bo Nadal

Bo Nadal. Xa está, xa o dixen. Nadal, digo. A palabra maldita. Proscrita. Prohibida. Polo progresismo, claro. Polo pensamento único. Xa saben: hai que dicir “boas festas”.
Ilustración DL-G.
Ilustración DL-G.

Bo Nadal. Xa está, xa o dixen. Nadal, digo. A palabra maldita. Proscrita. Prohibida. Polo progresismo, claro. Polo pensamento único. Xa saben: hai que dicir “boas festas”. Pero a min no me dá a gana. Por que son rebelde? Talvez. Hoxe dicir “bo Nadal” ten un punto subversivo. Pero non. Non me dá a gana porque estas festas teñen un nome e ese nome é Nadal.

Como saben, o autochamado progresismo (que de progresista non ten nada e do contrario teno todo) leva anos tentando impoñer “boas festas” como felicitación para estes días. Trátase de erradicar a palabra “Nadal”. Pero “festas” de que? Temos as festas do Entroido, as festas da Vendima, a festa do Cine, a festa o Cordeiro e ata a festa do Pan e do Queixo. Pero as que celebramos estes días seica non teñen nome. Non deben telo, por prescrición oficial. Ninguén debe saber (polo tanto, ninguén debe dicir) que son as festas de Nadal, é dicir, da Natividade de Xesús, porque iso é unha ofensa moi grave para as persoas que non son cristiás.

Comezouse por susbtituír os símbolos católicos vencellados ao Nadal por outros protestantes, coma o nacemento ou belén polo pola árbore ou os Reis Magos por Papá Noel. Sobre todo o nacemento pola árbore, porque o obxectivo principal de todo isto é a erradicación da figura do Neno Xesús (e con el, de María e mais Xosé). Ao principio secuestrábase o Neno dos beléns monumentais colocados polos concellos no espazo público (cantas veces e en cantos sitios aconteceu!) Despois xa non fixo falta, porque se deixaron de pór estes beléns.

Comezouse, digo, por substituír os símbolos católicos por outros protestantes e seguiuse por trocar estes segundos por outros definitivamente paganos, como o acivro ou –a última moda– os escachanoces e, sobre todo, as luces, moitas luces, milleiros, millóns delas. Luces que son só fogos de artificio e nada teñen que ver con esa verdadeira luz que, segundo di a Bibliia, “veu ao mundo e os seus non a recibiron, pero a cantos a recibiron lles deu poder de ser fillos de Deus” (Jn 1, 1-18).

Fronte a este intento ideolóxico antirrelixioso de derrubar o Nadal e substituílo por outra cousa (teño amigos que aseguran que nestas datas celebran o solsticio de inverno, porque, claro, como dicía ao principio, a palabra “festas” precisa dalgún modificador), o mellor que se me ocorre é ceder a palabra á primeira ministra italiana, Georgia Meloni. Nun vídeo editado hai uns anos, e fronte a aqueles que sosteñen que dicir “bo Nadal” ofende aos que

non teñen unha cultura cristiá, ateos incluídos, afirmaba: “Como te pode ofender un meniño que nace nun presebe? Como te pode ofender unha familia que foxe para protexer ese meniño? Como te pode ofender ese meniño que é símbolo do respecto, da laicidade do Estado, da sacralización da vida e mais da solidariedade? Todos estes son valores que me ensinou El e quero que a miña filla tamén o saiba: que o Nadal non é só agasallos e comidas. Tamén vostedes deberían ensinalo aos seus fillos. Monten o nacemento! Fagamos a revolución do nacemento!”.

Bo Nadal
Comentarios