Foi durmir fóra

Alberto Barciela con los artistas Antón Pulido y José Ramón Barreiro. ARCHIVO.
Un percorrido polos cafés e tabernas que deron acubillo á bohemia, á arte e á amizade, ata chegar á ausencia dun amigo que, en palabras de Bieito Ledo, simplemente "foi durmir fóra".

MANUEL ESTÉVEZ

Os cafés, desde sempre, tiveron moita relación cos creadores, sexan músicos, pintores, escritores ou poetas, participantes uns e outros en faladoiros. A Xeración do 98, con Pío Baroja, Azorín, Unamuno, Machado, Albéniz e outros. No Gijón madrileño, inesquecibles Paco Umbral e, igualmente, galegos de terras luguesas que xa non están: Carlos Oroza, Tino Grandío, Uxío Novoneyra.

Santiago de Compostela reunía a Valle-Inclán, Rafael Dieste, Luís Seoane ou Carlos Maside, o mesmo que acontecía no Eironciño dos Cabaleiros, en Ourense, na década dos sesenta, onde se situaba 'O Volver', ou Bar de Tucho, e os artistiñas arredor de Vicente Risco.

Si, señor!

Inesquecibles Virxilio, Xaime, Xosé Luís de Dios, Xavier Pousa, Xosé Manuel Vidal Souto, Alexandro, Acisclo Manzano, Buciños.

Algúns, cando visitaban a cidade olívica, asistían ás tertulias do Derby, que fundara Albino Mallo García e que logo chegou a mudar de nome por Imperial. En Vigo tamén existiu o Goya. Continúa o Bar Elixio, xa remozado, que popularizou o inesquecible Domingo Villar no seu 'Último barco', a través do inspector Leo Caldas, autor asiduo á tasca que fundara o taberneiro de Leiro nos anos 50 e aínda en pé.

E mesmo no Bar Roucos, na rúa Santa Marta, nas inmediacións do Berbés, onde se instalara aquel casal igualmente chegado do Ribeiro de Avia, os inesquecibles Sem, de Cenlle, e Adela, de San Amaro, próximas unhas terras das outras. Igualmente, lugar de encontro da bohemia e, en ocasións, de músicos afamados chegados da capital de España para actuar no Nova Olimpia. Guiados por Xerardo Rodríguez, habitual cliente da taberna, na que, en días non moi afastados, arredor dos fogóns, andaba Sirita, onde non faltaba o pintor de Amoeiro que ía á procura das filloas.

O Novo Derby, rexentado por Eusebio Prado, chantadino de Mariz, nos fogóns e detrás da barra na cidade olívica, agora na rúa Urzaiz, número 21. Para alén das excelentes receitas culinarias, regadas con caldos tintos da súa propia colleita, engarrafados na Adega Fontao, procedentes dos socalcos da Ribeira Sacra.

O restaurador, aberto á plástica, fai que das paredes do Novo Derby colguen pinturas asinadas polo último bohemio da cidade, Secundino Diz.

Preside a sala-comedor un retrato de Eusebio, de gran formato, ataviado coa capa da Irmandade dos Viños Galegos, coa Catedral de Santiago detrás. Igualmente, os clientes que se sentan á mesa teñen preto obras saídas do estudio do pintor nonaxenario.

Foi neste espazo culinario onde saudei, en días recentes, os inseparables: o editor Bieito Ledo, nado en Padroso, nas terras ourensás de Xunqueira de Ambía, e o xa inesquecible Antón Pulido. Ambos os dous, sete décadas de amizade.

Co amigo e irmán, con quen Bieito Ledo compartiu 70 anos de amizade, xa non é posible.

Segundo o editor ourensán e Vigués Distinguido:

"Foi durmir fóra".