domingo. 19.07.2026

A lingua, o fermento do noso pan

Neste contexto vital, o plan da lingua debe actuar exactamente como o fermento do pan dun pobo, o idioma o alimento que nos sustenta.
Ilustración DL-G.
Ilustración DL-G.

As palabras defínennos, definen a Galicia: auga, norte, océano, entroido, cor, memoria, paisaxe, pedra, chuvia, ocaso, emigración, morriña. Son fermosas, sonoras, sonantes e útiles; serven para o diálogo, para crear, para deseñar mesmo mundos inauditos. Temos a sorte das palabras, dos seus significados sentimentais, da súa música, desde pronunciar con engado líquido, lírico, como son de gaita, pegado á terra, do seu debalar, da súa emotividade. Abracemos as palabras.

 

Eu falo galego porque si, de xeito espontáneo e para facerme entender, non para ser diferente, senón para expresar o que agroma da alma, do interior profundo dese sentir xenuíno, xenético, tribal, arcaico e vangardista. Porque me peta, porque me gusta, porque o falaron os meus avós. Fixen ferramentas de transcendencia mundial, como a web da CRTVG, pioneira no seu tempo, e mesmo compuxen cancións internacionais en galego que espallaron polo mundo ata o Xapón Los Panchos e por Portugal María do Ceo, ou a orquestra Compostela e outros polas nosas romarías. Cadaquén fai o que pode, e aínda que me educasen en castelán, considérome máis rico, que non diferente, por ter nacido con acceso a tres culturas nunha terra que é un paraíso, e dou grazas ao meu deus, o das palabras, por permitirme dicir que desexo mil primaveras máis para Galicia.

 

Don Álvaro, o noso, o de todos, deixou escrito no maxín colectivo unha testemuña inesquecible sobre a nosa identidade verbal:

 

Louvado sexa Deus porque me permitiu nacer, medrar, facerme home e agora envellecer neste grande reino que chamamos Galicia; neste grande reino do Fisterre que vai desde os montes ata o mar; onde brillan aos pés do vento; este país dos dez mil ríos, do vello camiño das peregrinacións, este país dos mil vales, este país fermoso e eternamente verde, Patria querida, a terra no senso barresiano, as patrias son a terra e os mortos. Grazas a Deus por este Reino. Louvado sexa Deus tamén por terme dado o don da fala. Por terme ensinado a dicir rula e abidueira e dorna e ponte e fonte, e entón eu sabendo estas palabras era verdadeiramente dono da rula e da abidueira e da dorna e da ponte e da fonte. As miñas invencións, e as miñas maxias teñen porén un senso máis fondo: por riba e por baixo do que eu fago, eu quixen e quero que a fala galega durase e continuase, porque a duración da fala é a única posibilidade de que nós duremos como pobo. Eu quixen que Galicia continuase, e ao lado da patria terreal, da patria que son a terra e os mortos, hai esa outra patria que é a nosa fala.

 

Ao longo dos anos fun escollendo algúns termos que se elevan en fermosura, palabras que gardan nas súas sílabas a alma mesma da nosa contorna. Bótoas a voar: aceno, agromar, auga, alén, abidueira, alegranza, amencer, andoriña, argallar, avoa, bágoa, beiramar, bonitura, berce, benandanza, bico, brétema, bolboreta, carballo, castiñeiro, cabrifollo, colo, choiva, chourizo, choucho, debullar, engurrar, donicela, dorna, dúbida, enxebre, estralampar, estrela, fonte, feitizo, fiestra, fraga, enxoval, ermo, gargallada, labazada, labranza, lanzal, lar, leira, lembranzas, lentura, liberdade, laverca, lúa, mañá, milladoiro, millo, mol, morriña, nai, neboeiro, nós, novelo, saudade, souto, xeada, xeito, orballo, ollomol, ovo, paspallás, paporrubio, peixe, ponte, pescada, pinguela, pobo, pomar, prosmeiro, quentura, remanecer, ribeira, reloucar, renxer, retranca, rola, rula, rosmar, saraiba, sino, socalco, solpor, soma, sorriso, xenreira, xesta, xesteira, xouba, tecer, terra, tixola, touza, túzaro, verderolo, aldraxar, zanfona. Moitas destas voces agochan etimoloxías marabillosas nas que me gusta mergullar, como a nosa saudade que evoluciona do latín solitatem, ou o noso enxebre, de posible raíz celta escura pero dun significado diáfano e purísimo.

 

Xunto a estas xoias cotiás, tamén atopamos no noso léxico verbas pintorescas de feitura culto-poética, que eu anotei, como agulla de pastor moscada, centáurea menor perfollada, pata de ganso dos valos, salgueiro de follas amendoeiro, ou satirión manchado. Palabras que quizais ninguén falou xamais de seguido na rúa. Alí están, perlas que non molestan nin compiten coas auténticas xemas da lingua natural e viva: ameixeira, amieiro, camariña, cornide, fiúncho, freixo, loureiro, macela, margarida, meimendro, néveda, ourego, papoula, sabugueiro, saramago ou tomelo.

 

Nesa procura constante das raíces, non renuncio a investigar e a coñecer outras linguas, especialmente esas falas gremiais de Galicia que demostran a inmensa plasticidade e o hermetismo protector dos nosos antigos oficios itinerantes. Máis alá do célebre barallete dos afiadores de Ourense ou do latín dos canteiros de Terra de Montes, existiron códigos verbais que funcionaban como verdadeiras caixas de caudais para os segredos profesionais. No sur da provincia de Pontevedra, en Forcarei e Cerdedo, os canteiros perfeccionaron o verbo das artes ou dos arginas, do cal falei e moito coa miña querida Nélida Piñon. Os zapateiros da comarca de Bergantiños utilizaban a súa xerga para discutir a calidade dos coiros mentres o dono do zapato agardaba diante deles. Os caldereiros, co seu bron ou a súa variante galaica, sabían identificar o nocón xeneroso do lacazán. E na costa, o verbo dos mareantes ocultaba os mellores caladoiros á competencia. Estas linguas de ida e volta, que compartían a economía da linguaxe e parasitaban as nosas estruturas para inserir un vocabulario específico, viaxaban no carromato dos paraugas ou no petate dos canteiros, e hoxe permanecen como o eco dunha Galicia que soubo gardar os seus segredos baixo sete chaves de aire e mesmo inventar o filispín ferrolán, vocábulo nado ao fío dos estaleiros cunha curiosa etimoloxía anglosaxoa procedente de fine spinning. Son un mero aficionado, un curioso xornalista, non un filólogo.

 

Toda esta inmensa riqueza léxica lévame a ter anotadas centos de correccións ao dicionario da nosa ilustre Real Academia Galega, que con ser boísimo é sempre perfectible, a consultar o valioso Diccionario de Diccionarios da lingua galega, a recorrer ao inesquecible Eladio Rodríguez González e a outros moitos fitos da nosa lexicografía. Teño recollidas miles de curiosidades, ditos fermosos e anécdotas, porque as palabras son infinitas, variables, bolboretas, rubicundas, fortes e débiles. Son nosas, son de todos. Que ninguén pense en singular nin en particular ao apropiarse do idioma. Nós somos nós, e a lingua pertence a cada individuo que a fai vibrar no aire e á comunidade toda.

 

Neste contexto vital, o plan da lingua debe actuar exactamente como o fermento do pan dun pobo, o idioma o alimento que nos sustenta. A recente proposta de actualización do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega non é un mero catálogo administrativo, senón esa levedura necesaria para nutrir e dar volume ao noso espírito colectivo. Hai que lograr ao redor dela un artigo de consenso social amplo e xeneroso. Necesitamos unha lingua viva e forte coa que educar e coa que gozar plenamente, coa que traballar con dignidade e facer cultura universal, coa que nos administrar nun mercado moi pequeno pero universal na súa ambición; unha lingua de todos e para todos, onde o idioma se consolide de verdade como a gran ferramenta de diálogo interxeracional e interideolóxico. Ao protexer os nosos vocábulos estamos a asegurar que o latexo compartido de Galicia siga resoando con naturalidade nos novos tempos. Iso é a cultura dun pobo que sabe entender e conquistar o mundo global, competitivo, complexo, cheo de oportunidades e ameazas.

A lingua, o fermento do noso pan
Comentarios