O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, visitou a bodega Joaquín Rebolledo, en Valdeorras, na que a Xunta investiu máis de 177.000 euros para mellorar as instalacións enoturísticas e reforzar unha aposta pola comarca que suma máis de 2,8 millóns en accións e promoción turística.
A Xunta inviste máis de 177.000 euros na bodega Joaquín Rebolledo para reforzar o enoturismo en Valdeorras
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, visitou hoxe a bodega Joaquín Rebolledo, en Valdeorras, na que a Xunta investiu máis de 177.000 euros para impulsar diversas melloras a través da convocatoria de axudas a establecementos enoturísticos, unha liña que mobilizou 5,5 millóns de euros en todo o territorio galego.
Esta achega á bodega valdeorresa súmase á realizada noutras instalacións da comarca que, no seu conxunto, acadan un investimento de case 400.000 euros, un apoio que, segundo destacou Merelles, “serve para impulsar o enoturismo de Valdeorras”.
Máis de 2,8 millóns para unha estratexia global en Valdeorras
Durante a súa intervención, Merelles enmarcou esta actuación nunha estratexia máis ampla coa comarca, na que a Xunta leva investidos máis de 2,8 millóns de euros, con actuacións que abranguen desde a promoción do xeodestino, intervencións no Camiño de Santiago de Inverno, e tamén a posta en valor de recursos turísticos en concellos como O Bolo, Larouco, A Veiga, Carballeda de Valdeorras e Petín.
Críticas polo atraso no saneamento das Pinguelas
No seu discurso, o director de Turismo de Galicia lamentou que, máis dun ano despois da sinatura do protocolo entre a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e o Concello da Rúa para actuar no saneamento das Pinguelas, non se rexistrasen avances firmes. Merelles considerou “unha mágoa” o que cualificou de “desinterese e falta de compromiso” nunha actuación que permitiría recuperar un contorno patrimonial ligado á tradición vitivinícola local e sumar novos recursos turísticos para atraer visitantes ao municipio.
Renovación do “Espazo dos sentidos do viño”
A intervención na bodega Joaquín Rebolledo céntrase en dous espazos do proxecto Espazo dos sentidos do viño: A Cova e a Sala de Catas, antiga destilería, que serán renovadas para adaptarse á iniciativa e aos novos estándares de calidade.
Este proxecto busca abrir un novo ámbito de negocio baseado no enoturismo, aproveitando o potencial das zonas vitivinícolas mediante a creación de novas experiencias vinculadas á tradición e ao patrimonio da comarca. Entre as propostas previstas están visitas ás instalacións, deseño de etiquetas, picnics entre viñedos, o plan “bodegueiro por un día” —incluíndo a plantación dunha vide—, música en directo e exposicións temporais. Está previsto que as novas actividades comecen a funcionar en febreiro.
Un plan de 34 millóns con fondos Next Generation
A achega á bodega forma parte das axudas incluídas no Plan territorial de sustentabilidade turística de Enogastronomía de Galicia, dotado con 34 millóns de euros procedentes de fondos Next Generation, que se distribúen en 11 Plans de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD).
No caso de Valdeorras, o PSTD “Valdeorras, Ruta do Viño Milenaria” conta cun investimento de 1,5 millóns de euros. Ademais, o plan contempla outras liñas como axudas a proxectos tractores (2,5 M€), mobilidade sostible (4 M€, co prazo aberto) e a apertura dun Gastro Hub, un centro profesional para a enogastronomía vinculado ao Centro Superior de Hostalería de Galicia, previsto tamén para febreiro.
Unha aposta estratéxica cara ao Turismo 2030
A Xunta subliñou que o conxunto destas actuacións se aliñan coa Estratexia de Turismo 2030, que sitúa a gastronomía e a enoloxía como recursos turísticos de primeira orde e marca medidas para ampliar o seu potencial como elementos de diferenciación e atracción de visitantes.
