lunes. 08.12.2025

O turismo de Galicia avanza na súa folla de ruta para acadar maiores cotas de sostibilidade. Así se desprende da xuntanza do grupo de traballo do Observatorio de Sostibilidade Turística, un órgano que integra a 20 entidades entre administracións públicas, representantes do sector, universidades, expertos e profesionais.

O obxectivo principal desta reunión era determinar os factores e indicadores clave para analizar o sector turístico galego e favorecer a súa adaptación ás tendencias globais. O traballo busca mellorar as decisións estratéxicas de cara á planificación do turismo.


 

Unha ferramenta para o futuro do sector

 

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou neste grupo de traballo e puxo en valor esta ferramenta, que se puxo en marcha en novembro do ano pasado e que ten un calendario de traballo que culminará a finais de 2026.

Merelles salientou que o observatorio conta cunha "ampla base social que sentará as bases do turismo do futuro" a través da determinación destes indicadores. Estes datos, unha vez validados, derivarán nun diagnóstico de sostibilidade do sector turístico de Galicia.

O Observatorio tamén busca impulsar a implantación do turismo intelixente e contribuír á cohesión e colaboración do sector turístico galego e outros grupos de interese para incrementar a súa competitividade e potencial.


 

Xestionar o crecemento e anticipar tendencias

 

Durante a súa intervención, o director de Turismo destacou os bos resultados acadados polo sector. Merelles lembrou que "máis de 8 millóns de persoas" visitaron Galicia no último ano, unha cifra á que se suman os máis de 5 millóns de viaxeiros rexistrados nos oito primeiros meses de 2025, o que supón un incremento do 3,9 %.

"Trátase dun crecemento moderado que vén a consolidar o destino", apuntou Merelles. Por iso, ferramentas como o Observatorio son de gran utilidade para "xestionar este incremento e tamén facelo compatible coa cidadanía".

Segundo indicou o director de Turismo, a información derivada do Observatorio de Sostibilidade Turística permitirá "dar resposta á evolución da actividade, anticipar tendencias e mellorar a toma de decisións estratéxicas" para seguir avanzando en sostibilidade.

O Turismo de Galicia define indicadores para avanzar cara á sostibilidade
Comentarios