viernes. 26.04.2024

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, garantiu hoxe en Lalín o apoio do Goberno galego ao proxecto Os cocidos do Camiño como escaparate internacional da gastronomía galega nas rutas xacobeas.

Na presentación desta iniciativa, que persegue a irmandade de Galicia con outros territorios que cociñan este tradicional prato e a promoción da cociña galega ao redor do Camiño, Alfonso Rueda estivo acompañado do alcalde de Lalín, Xosé Crespo, e do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López.

Lalín, como terra do cocido e lugar onde se celebra a Festa do Cocido, declarada no 2020 de interese internacional, lidera unha iniciativa que casa a promoción da gastronomía galega autóctona coa do cocido. Como dixo o vicepresidente primeiro da Xunta, “cocido e Camiño engloban e resumen o mellor de Galicia: o Camiño é o escaparate do máis xenuíno da nosa comunidade e o cocido exalta o produto da nosa horta, das nosas granxas e da nosa despensa”.

Os cocidos do Camiño retoma o proxecto iniciado no Xacobeo 2010 con actividades de confraternidade entre Galicia e outros puntos da xeografía peninsular e do estranxeiro, sobre todo vencelladas co Camiño Francés; como Astorga, que conta co cocido maragato, ou o cocido lebaniego de Potes (Cantabria), o cocido portugués de Penafiel ou o pot au feu da rexión francesa de Aquitania. Unha iniciativa que continuará este ano para poñer en valor a gastronomía e os produtos autóctonos vencellados ao Camiño.

Os cocidos do Camiño, que conta cunha axuda de 100.000 euros de Turismo de Galicia, prevé organizar en Lalín varias actividades ao longo do ano, tanto iniciativas de carácter cultural como de exaltación culinaria, entre as que destacan a celebración esta primavera do festival Cocidos do Camiño ou o primeiro Congreso Gastronómico do Camiño, que pretende converter a Lalín no quilómetro cero da gastronomía tradicional.

'Os cocidos do Camiño'