A Deputación de Pontevedra vén de sumar un novo éxito internacional coa súa campaña turística Cando volves?, recentemente situada entre as cinco mellores películas do mundo na 37ª edición dos World Tourism Film Awards, organizados polo CIFFT coa participación de UN Tourism. Estes premios, considerados como os “Óscar” do turismo, representan a máxima distinción internacional no ámbito audiovisual turístico.
O deputado provincial de Turismo, Jesús Vázquez Almuíña, recolleu o galardón nun acto celebrado no histórico Teatro Jordão de Guimarães, nunha gala que serviu para reafirmar a creatividade, a calidade técnica e o forte impacto promocional da campaña impulsada pola Deputación neste 2025.
Un top mundial disputado por máis de 4.000 filmes
Ao longo de todo o ano, Cando volves? competiu no CIFFT, o principal circuíto mundial dedicado á comunicación turística audiovisual, onde participaron máis de 4.000 producións de 50 países. Só as cinco mellor puntuadas en cada categoría —cidade, rexión, país, produto turístico e servizo turístico— acceden ao prestixioso Top 5 mundial.
A campaña pontevedresa acadou un destacado segundo posto na categoría de produto turístico, consolidando así a súa presenza entre as mellores producións do planeta.
Unha campaña multipremiada en catro continentes
Este novo recoñecemento súmase a unha longa lista de premios internacionais xa obtidos ao longo do ano, entre eles:
-
Amorgos Tourism Film Festival (Grecia)
-
Cannes Corporate Media & TV Awards (Francia)
-
Terres Travel Festival – Film & Creativity (España)
-
US International Awards (Estados Unidos)
-
International Tourism Film Festival (Sudáfrica)
-
Japan World’s Tourism Film Festival (Xapón)
A Deputación destaca que esta traxectoria reforza a posición de Pontevedra como territorio innovador e referente na promoción turística.
O interior da provincia, protagonista
Cando volves? é unha obra audiovisual que pon o foco nos espazos do interior da provincia, mostrados como enclaves cheos de autenticidade, riqueza paisaxística e valor humano. A campaña destaca tamén a hospitalidade e o carácter acolledor da súa xente, elementos centrais da identidade pontevedresa.
A institución provincial apostou este ano por promover o interior como destino para visitar ao longo de todo o ano, nunha estratexia orientada á desestacionalización, un dos obxectivos prioritarios do actual goberno provincial en materia turística.
