domingo. 05.05.2024

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá na presentación do proxecto audiovisual Bailando o Camiño, un conxunto de audiovisuais que recollen tres danzas típicas da ruta do Camiño Vasco Interior: o txulalai, o galandún e carballesa. Realizada polo grupo musical Pesdelán ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo, esta serie, composta de tres vídeos, quere contribuír a amosar a riqueza cultural do Camiño e a divulgar o seu patrimonio inmaterial.

Acompañado de Montse Rivera, compoñente de Pesdelán, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade incidiu en que este é un material didáctico en galego que resultará útil nas escolas e tamén “unha proposta divertida para pasalo ben en familia usando a lingua propia de Galicia”. O secretario xeral explicou que se basea na música tradicional, “unha música que, como agora está descubrindo a nosa mocidade, non é cousa do pasado, senón que se adapta e se reinventa no presente e cara ao futuro”.

Cada un dos tres audiovisuais que compoñen Bailando o Camiño está dividido en dúas partes. Na primeira, Mercedes Prieto e Montse Rivera presentan un baile típico de tres lugares polos que transita o Camiño Vasco Interior: o txulalai, de Euskadi; o galandún, de Castela, e a carballesa, de Galicia. Na segunda parte, os membros de Pesdelán, xunto cun grupo de bailadores, interpretan o respectivo baile ao ritmo da música que executan Rubén Montes, Roberto Grandal, Belém Tajes e Xiao Berlai.

Os audiovisuais, de menos de 10 minutos de duración e gravados entre Sobrado dos Monxes e o Museo do Pobo Galego, están dispoñibles desde hoxe no Portal da Lingua Galega e na canle de YouTube da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

‘Bailando o Camiño’