lunes. 06.05.2024

No interior de Portugal, nunha zona rural, nunha comarca do rural profundo portugués os veciños teñen unha canle do máis democrática para falar e expór os seus problemas ás autoridades. Isto comezou no século dezasete e chegou ata nós con algunha variante. Tras tres anos interrompido  este secular costume do terceiro domingo do mes de xuño pola pandemia e as condición meteorolóxicas  adversas, tivo lugar este domingo  nas aldeas da Mesa dos Quatro Abades o tradicional rito.

O idílico lugar está amparado por un gran carballo nunha zona de exuberante vexetación. Este pequeno espazo colgado nunha ladeira, mira a un val que o converte nun formidable miradoiro.

No centro, una mesa de pedra granítica con catro asentos, dous de cada lado, tamén do mesmo tipo de pedra natural. Aquí sentan cada un dos representantes das parroquias (freguesías) que son Calheiros, Cepões, Bárrio e Vilar do Monte. Alcalde e concelleiros xunto co presidente da Asemblea e outras autoridades escoitan as catro intervencións.

Antigamente, reuníanse os abades destas parroquias e escoitaban as demandas dos seus fieis. Hoxe en día é o alcalde do municipio (presidente) de Ponte de Lima o que escoita os representantes e, ao remate, intervén el valorando as súas peticións. Isto foi o que aconteceu esta mañá de domingo na Mesa dos Quatro Abades. A tradición fixa que o que fala ha de apoiar a súa man sobre unha pedra á beira da mesa...E o alcalde, Vasco Ferrás, solicitou que tivese máis altura a pedra...

Non falta a música. Actuou un grupo de bombos antes da democrática intervención dos presidentes das parroquias.

Este ano a nota de humor foi colocarlle a cada presidente de freguesía unha bufanda deportiva...

Tamén é rotativa a organización do evento que este ano lle tocou a Bárrio na persoa de Pedro Lima.

Logo disto, houbo un almorzo con apetecibles entradas e cun prato contundente, galo á Cabidela, viño da Cooperativa de Ponte de Lima, tinto e Loureiro, e sobremesa con melón e cereixas. Un almorzo preparado para máis dun centenar de persoas en plena zona rural e que a chuvia respectou, pois ameazou con algunhas pingas.

 Entre os convidados estaba o presidente de Turismo Porto e Norte de Portugal, Pedro Martíns. Fixo de anfitrión Francisco Calheiros, o home do turismo. Había tamén un grupo de confrades da Confraría do Vinho Verde, e non podía faltar Álvaro Campelo, da Universiade Fernando Pessoa  e vice presidente da ‘Sociedade Portuguesa de Antropologia e Etnologia’, coautor do libro ‘As aldeias da Mesa dos Quatro Abades’ que se presentou no centro de interpretación esta mesma mañá de domingo.

Estas freguesías viven xa un proceso de renovación e buscan fixar poboación nova. Conseguiuse un primeiro estadio que é que os nativos das aldeas se sintan orgullosos da súa terra e dos seus recursos. Agora estanse a desenvolver proxectos para buscar novos ‘ruralistas’ que queiran vivir nestas agrestes paraxes entre Paredes de Coura e Ponte de Lima. Potenciar o turismo é o enfoque para darlle a volta a situación de perda de poboación.

A democracia en estado puro na secular Mesa dos Quatro Abades
Comentarios