lunes. 16.02.2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, salientou este martes o respaldo do Goberno galego ao sector apícola mediante novas axudas destinadas a mellorar a súa competitividade. Fíxoo durante unha visita á empresa Puramel Sacra, no concello do Saviñao.

Segundo explicou Gómez, hoxe mesmo publícase no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria destas axudas, dotadas cun orzamento de máis de 1,4 millóns de euros. As subvencións financiarán actividades realizadas entre o 1 de agosto de 2025 e o 31 de xullo de 2026 (campaña apícola completa) e o prazo de solicitude permanecerá aberto desde mañá ata o 2 de marzo.

A conselleira detallou que a convocatoria permitirá apoiar aos apicultores en ámbitos como servizos técnicos, investimentos en activos materiais e inmateriales —incluída a loita contra invasores como a avespa velutina e enfermidades como a varroose—, así como actuacións de análise para incrementar o número de abellas ou a produción. Tamén se contemplan medidas de promoción, comunicación e comercialización e iniciativas orientadas a mellorar a calidade dos produtos.

Gómez subliñou que desde 2013 a Xunta leva investido máis de 10 millóns de euros nestas axudas, ao tempo que se triplicou o número de beneficiarios. Neste contexto, destacou o crecemento do interese por emprender na apicultura, especialmente entre a xente nova, e reafirmou o compromiso do Executivo galego coa promoción do sector, con atención especial ás producións acollidas a selos de calidade diferenciada.

Puramel Sacra, exemplo de excelencia premiada

Durante a visita, a conselleira puxo en valor o recoñecemento internacional recibido por Puramel Sacra, recentemente premiada nos Paris Honey Awards, un galardón que, segundo indicou, evidencia o bo facer do sector apícola galego e a elevada calidade das súas producións. A mel desta empresa lucense está amparada polos selos da IXP Mel de Galicia e Artesanía Alimentaria.

A Xunta reforza o apoio ao sector apícola con axudas por máis de 1,4 millóns de euros
Comentarios