jueves. 28.03.2024

Vehículo eléctrico e conectado, enerxías renovables, industria naval, semicondutores e saúde de vangarda, aspirantes a los Fondos Next Generation

O Europe Next Generation é un programa para a recuperación económica da Unión Europea, dotado con case 800.000 millóns de euros, que pretende reparar os danos económicos e sociais por mor da pandemia da Covid-19. Pero ao mesmo tempo, pretende unha modernización do seu sistema produtivo, baseado en novos principios como son a dixitalización, a resiliencia e a ecoloxía
IMG_6130
IMG_6130

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou esta tarde unha xornada semipresencial sobre “As oportunidades para a investigación no programa Europe Next Generation”. Tivo lugar de xeito presencial no salón de actos do CiQUS (Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares) da Universidade de Santiago. Ademais, púidose seguir a través da plataforma Zoom, previa inscrición.

Neste encontro participaron o subdirector de Proxectos Tractores do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Santiago Álvarez; a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey; e a vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo, Belén Rubio. A continuación celebrouse un debate co público asistente, moderado polo presidente da Academia, Juan Lema.

O presidente da RAGC, Juan Lema, lembrou que “o Europe Next Generation é un programa para a recuperación económica da Unión Europea, dotado con case 800.000 millóns de euros, que pretende reparar os danos económicos e sociais por mor da pandemia da Covid-19. Pero ao mesmo tempo, pretende unha modernización do seu sistema produtivo, baseado en novos principios como son a dixitalización, a resiliencia e a ecoloxía”. Nesta liña, o obxectivo desta xornada é “dar a coñecer á comunidade científica as oportunidades de financiamento e, en particular, os mecanismos de como se pode participar e mesmo promover proxectos de investigación e innovación”.

 

Galicia é unha das comunidades cunha participación máis alta nos Plans Complementarios

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, destacou “a grande oportunidade que supoñen os fondos Next Generation para contribuír á transformación económica e social de Galicia cara a unha Galicia máis ecolóxica, dixital e resiliente”. Neste sentido, apuntou que os centros de coñecemento xogan un papel fundamental: por un lado, pola súa capacidade para captar fondos das convocatorias estatais e, por outro, colaborando co tecido produtivo para mobilizar estes fondos. 

Argerey lembrou que moitas convocatorias apoian especificamente I+D -directamente ou a través da contratación de servizos externos- e que desde a Xunta de Galicia se puxeron en marcha varias canles para informar destas convocatorias. Por último, indicou que Galicia é unha das comunidades autónomas que ten unha participación máis alta nos Plans Complementarios, programas conxuntos de I+D que permiten aliñar os esforzos da Administración central, das comunidades autónomas e dos fondos europeos en áreas de interese común. Galicia participa en catro das oito áreas estratéxicas (biotecnoloxía aplicada á saúde, ciencias mariñas, comunicación cuántica e biodiversidade) achegando capacidades e infraestruturas singulares a fin de impulsar a produtividade do tecido produtivo galego a través da investigación.

COLABORACIÓN COS CLÚSTERES

Pola súa parte, os subdirector de Proxectos Tractores do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Santiago Álvarez, presentou os diferentes instrumentos e convocatorias abertos ao persoal investigador no marco do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, que supoñen “unha oportunidade para impulsar proxectos que aceleren a transición verde e dixital e que exerzan, ao mesmo tempo, un efecto tractor sobre o tecido industrial galego”. 

Neste contexto, a Xunta vén traballando na creación de contornas colaborativas que incentiven a participación de entidades galegas a través de varias iniciativas. Entre elas, destaca a creación de oficinas técnicas en colaboración con diferentes clústeres. Estas oficinas responden ao obxectivo de informar e asesorar ás entidades galegas na preparación e presentación candidaturas aos Pertes, nos que os centros de coñecemento xogan un papel fundamental, e outras convocatorias relevantes: Oficina de proxectos da Fundación Agrupación industrial de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga), orientada ao Perte do vehículo eléctrico e conectado; Oficina Técnica de Apoio ao Programa Next Generation Galicia Food, en colaboración coa Agrupación industrial Alimentaria de Galicia (Clusaga) para o impulso de proxectos relativos ao Perte agroalimentario; e Oficina técnica NextGenhealth, constuída en colaboración co Clúster Saúde de Galicia (CSG) e orientada ao Perte para a saúde de vangarda.

A agroalimentación, os materiais avanzados, a enerxía renovable, as ciencias mariñas ou a biotecnoloxía, áreas estratéxicas para as universidades galegas

A vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo, Belén Rubio, detallou os instrumentos de canalización dos fondos Next Generation, en particular as vías de financiamento que abren importantes oportunidades para as universidades e as súas entidades colaboradoras para a investigación e transferencia de coñecemento. Nesta liña, salientou que “o elemento máis relevante para canalizar os fondos Next Generation son os PERTE (Proxectos Estratéxicos para a Recuperación e a Transformación Económica), instrumentos integrais e ambiciosos para afrontar a transición da economía española que pon o foco en distintos sectores clave e esixen a colaboración entre administracións, empresas e institucións de investigación”.

Rubio indicou que “os PERTE están orientados a influír en toda a cadea de valor, involucrando a entidades de diferentes tamaños e capacidades, e a impulsar a I+D+i, onde a experiencia das universidades resulta determinante”. Dos once  anunciados, a vicerreitora manifestou que, no caso das universidades galegas, polas súas liñas de especialización, destaca o potencial que se abre para a Universidade de Vigo nos PERTEs de Vehículo Eléctrico e Conectado, de Enerxías Renovables, de Industria Naval e de Semicondutores. A Universidade de Coruña e de Santiago de Compostela teñen un papel máis relevante no PERTE de Saúde de Vangarda, e a da Coruña tamén no de Industria Naval.

A vicerreitora afirmou que “o despregamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia nútrese da presentación de manifestacións de interese por parte dos distintos axentes económicos e sociais, que proporcionan información de grande utilidade para identificar os proxectos máis maduros e de maior impacto, por exemplo a Fábrica de Microchips proposta pola Zona Franca de Vigo e a Universidade de Vigo”. Ademais dos PERTE, e froito desta recollida de información, xorden tamén os denominados Plans Complementarios, colaboracións entre as Comunidades Autónomas e a Administración Xeral do Estado en accións de I+D+i. “Esta ferramenta permite a posta en marcha de programas de investigación en áreas estratéxicas como a agroalimentación, a astrofísica e física de altas enerxías, os materiais avanzados, a biodiversidade, a enerxía e o hidróxeno renovable, as ciencias mariñas, a comunicación cuántica e a biotecnoloxía aplicada á saúde, cofinanciadas polo Ministerio de Ciencia e Innovación, estando as tres universidades do SUG e outros organismos públicos de investigación, así como centros tecnolóxicos, involucrados en varios destes plans” -destacou Rubio-.

Vehículo eléctrico e conectado, enerxías renovables, industria naval, semicondutores e...
Comentarios