domingo. 14.04.2024

O programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas “Galicia Avanza” poñíase en marcha en 2022 como resultado da colaboración entre a Consellería de Economía, Industria e Innovación -a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)- e o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole). As 30 pemes innovadoras e/ou de base tecnolóxica de toda a comunidade que participaron na segunda edición desta iniciativa van presentar mañá mércores, 21 de febreiro, os logros conseguidos ao longo dos dez meses que durou o programa. Contarase coa asistencia da directora de Gain, Patricia Argerey, que inaugurará o encontro; a directora xeral do Igape, Covadonga Toca; e a presidenta da Confederación Empresarial de Ourense, Marisol Nóvoa.

O evento vaise celebrar en Tecnópole, entidade encargada da xestión e coordinación do programa. No transcurso do acto, destinado a promover a internacionalización da innovación en Galicia, daranse cita empresas de todos os sectores, con presenza en mercados exteriores ou con potencial de exportar as súas innovacións. Ao longo da xornada poderán compartir experiencias e realizar reunións bilateriais entre empresas.

O director xerente de Tecnópole, Javier Taibo, presentará os resultados desta segunda convocatoria e informará sobre as particularidades da terceira convocatoria, que xa se pon en marcha e na que poderán participar outras 30 pemes galegas innovadoras.

Empresas galegas de éxito internacional

O evento inclúe un completo programa de actividades. Ademais de poder visitar o showroom das 30 pemes participantes nesta edición, empresas de referencia contarán a súa experiencia no eido da internacionalización. É o caso de Rocío Cid, xerente de Cuevas Marron Glacé - Cuevas & Cía, empresa do Grupo Cuevas dedicada á transformación da castaña, á elaboración de castaña confitada e buque insignia da internacionalización e a innovación neste grupo empresarial. Tamén se contará con Gabriel Gómez Celaya, director xeral de Marine Instruments, compañía líder no desenvolvemento e fabricación de tecnoloxía adaptada ao medio mariño, enfocados a océanos intelixentes e pesca sostible, unha firma innovadora cunha destacada posición no mercado internacional, Premio Nacional de Innovación en 2022.

Ademais, o experto Marcelo Castelo, autor do modelo xeral das tres dimensións da comunicación humana -TLB-, abordará o valor da comunicación como vantaxe estratéxica das empresas e dos seus líderes.

Unha folla de ruta personalizada para cada empresa

Durante os dez meses de duración do programa e a través dun equipo de expertos en internacionalización, traballouse na saída ao mercado exterior das empresas e tamén na consolidación internacional das que xa tiñan experiencia neste eido, abríndolles novos mercados ou accedendo a novos segmentos de clientes. Axudóuselles a mellorar a súa estratexia comercial internacional, avanzouse na protección das súas marcas e deseños industriais ou intelectuais e na detección de posibles colaboracións con outras empresas. 

 

Así mesmo, ao longo destes meses reforzáronse aspectos como a mellora da innovación, as estratexias de márketing, creación de marcas e certificacións, ou a adaptación de produtos e servizos ao mercado exterior, entre outros aspectos. Con cada firma seguiuse unha folla de ruta personalizada, segundo as necesidades que presentaba cada unha.

 

 

Máis información: https://tecnopole.gal/galiciaavanza.

Trinta empresas innovadoras galegas van presentar os resultados do seu paso pola...
Comentarios