miércoles. 24.04.2024

O Programa estratéxico do castiñeiro e da produción da castaña, impulsado pola Consellería do Medio Rural, dará cumprimento aos obxectivos da 1ª revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”, co fin de recuperar 8.000 hectáreas de soutos tradicionais e plantar outras 16.000 hectáreas novas para a produción de madeira e de froito desta especie. Este plan pódese consultar de forma pública na seguinte ligazón: https://mediorural.xunta.gal/gl/recursos/publicacions.

No marco da planificación deica 2025, onde se investirán uns 22 millóns de euros, prevense plantar 3.500 hectáreas de castiñeiro para froito e 2.000 ha para a produción de madeira, así como restaurar 2.000 ha de soutos tradicionais

O programa establece unha diagnose da situación actual dos castiñeiros en Galicia como base para programar 36 actuacións integradas en cinco eixes de intervención, centrados na planificación e seguimento da produción, na transferencia de información dende as entidades investigadoras e no apoio ao sector viveirístico para garantir a subministración de planta, no fomento de recursos e aproveitamentos, no impulso á comercialización e á calidade da castaña e, por último, na mellora da competitividade das empresas.

Este plan -dispoñible na web da Consellería do Medio Rural- recolle 36 actuacións concretas ao abeiro de cinco eixes de intervención, para dar cumprimento aos obxectivos marcados na 1ª revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040, tanto para a produción de madeira como de froito

Con todas estas medidas, búscase involucrar a todos os axentes implicados no sector, como a Administración, os distintos axentes económicos e sociais comarcais, os grupos de desenvolvemento rural, os viveiros, os produtores forestais e os representantes do tecido empresarial transformador e comercializador, con vistas a acadar a máxima xeración de valor engadido vinculado ao cultivo do castiñeiro.

O proxecto implica a todos os axentes do sector, apostando pola planificación da produción, pola transferencia de coñecemento dende as entidades investigadoras, polo apoio aos viveiros para garantir a subministración de planta, polo impulso á comercialización e pola mellora das empresas

Cómpre engadir que este programa obedece ás recomendacións do ditame da Comisión especial de estudo e análise das reformas da política forestal, de prevención e extinción de incendios forestais e do Plan Forestal de Galicia, constituída no Parlamento tras os lumes de 2017. Tamén que, proximamente, este proxecto se verá complementado coa normativa que regulará as agrupacións de xestión conxunta, figura contemplada na Lei de recuperación da terra agraria e no Plan Forestal para darlle un pulo ao castiñeiro, entre outras especies.

O período de execución deste programa prolongarase ata o ano 2040 e conta cun orzamento de 21,995 millóns de euros -incluíndo fondos públicos e privados- para a primeira etapa de accións deica o 2025, ata cando se prevén plantar 3.500 hectáreas de castiñeiro para froito e 2.000 ha para a produción de madeira, así como restaurar 2.000 ha de soutos. Delas, entre este ano e o que vén acadaranse xa as 500, 600 e 500 hectáreas de actuación, en cada un dos casos respectivamente.

A través deste plan, a Xunta buscan consolidar Galicia como a principal rexión en produción e exportación de castañas de España, ao aglutinar máis da metade da produción e unha porcentaxe similar das empresas comercializadoras e das industrias de primeira e segunda transformación vinculadas a este aproveitamento forestal. Cómpre sinalar que a superficie actual de castiñeiro en Galicia supera as 49.000 hectáreas -localizadas principalmente nas comarcas do leste das provincias de Lugo e Ourense-, cunha produción media nos últimos anos próxima aos 20 millóns de quilogramos, cuxo valor económico rolda os 20 millóns de euros pagados aos produtores e os 50 millóns de euros en produtos transformados.

Deste xeito, o programa persegue consolidar Galicia como a principal rexión en produción e exportación de castañas de España, que actualmente supera as 49.000 hectáreas de cultivo e os 20 millóns de kg de froito que supoñen uns 50 millóns de euros unha vez comercializado o produto

O produto conta cunha indicación xeográfica protexida, a IXP Castaña de Galicia, que desde 2009 conta con Regulamento e Consello Regulador. Actualmente abrangue case 1.300 hectáreas de superficie de cultivo amparada polo selo de calidade e un total de 156 produtores.

O castiñeiro está considerado unha das árbores cunha maior variedade de aplicacións e utilidades nos ámbitos rurais, sendo un recurso de grande relevancia desde o punto de vista da alimentación, pero tamén polo seu valor para usos madeireiros e outras producións complementarias (cogomelos, gandaría, plantas aromáticas, etc.). Ademais, destaca o seu valor medioambiental e como recurso turístico e paisaxístico, o que o consolida como unha das especies arbóreas con maior tradición e apego sociocultural das economías rurais en Galicia.

LO PRIORITARIO

Dentro das 36 actuacións que recolle o Programa estratéxico do castiñeiro e da produción da castaña 2022-2040, fíxanse un total de 21 medidas como prioritarias, polo que se proxectan para executarse deica o ano 2025 no marco dos cinco eixes de intervención fixados.

Así, ao abeiro do primeiro eixe relativo á planificación, seguimento e control da produción do castiñeiro, apostarase pola promoción do aproveitamento conxunto dos terreos forestais a través das agrupacións de xestión conxunta, pola elaboración dun Mapa territorial de zonas xeográficas preferentes de actuación, polo impulso á recuperación de soutos tradicionais e ás novas plantacións e pola conservación do material vexetal autóctono, implicando os distintos axentes impulsores e avogando pola coordinación entre administracións públicas.

Mentres, no que respecta ao segundo eixe da investigación, transferencia e apoio ao sector viveirístico, incidirase na mellora do sector con base na investigación aplicada, nas parcelas piloto e na rede de parcelas demostrativas, así como no reforzo das canles de comunicación entre administracións públicas, centros de investigación, viveiros e tecido empresarial. Tamén se traballará nas infraestruturas e dotación de viveiros, produtores e silvicultores para garantir o aprovisionamento de planta e na transferencia de coñecemento desde os centros e entidades investigadoras.

Canto ao terceiro eixe de desenvolvemento e revitalización de recursos e aproveitamentos, promoveranse iniciativas públicas e medidas de fomento para a recuperación de soutos e a execución de novas plantacións, así como medidas de control fitosanitario e loita biolóxica. Tamén se apostará polos portaenxertos e pola promoción de variedades de castañas, polo cultivo de castiñeiros con aptitude para a produción de madeira e polas árbores multifuncionais que compatibilicen os aproveitamentos micolóxicos.

En relación ao cuarto eixe de impulso da comercialización e fomento da calidade da castaña, o traballo centrarase en lograr adhesións á indicación xeográfica protexida Castaña de Galicia, tanto de produtores como de industrias transformadoras, fomentando ao tempo a cooperación cos axentes que participan na distribución.

Por último, no quinto eixe enfocado á mellora da competitividade e do valor engadido das empresas, promoveranse liñas de axudas públicas a novas iniciativas e proxectos empresariais vinculados ao cultivo e aproveitamento forestal de novas plantacións de castiñeiro, así como aos investimentos para o aumento da rendibilidade das plantacións. Así mesmo, impulsarase a actividade da Mesa da Castaña e a formación aos actores da cadea de valor, promovendo incorporar módulos de contidos específicos da silvicultura do castiñeiro nos centros de formación ou con accións de profesionalización, especialmente en procesos produtivos, en manexo de máquinas e novas tecnoloxías ou en seguridade alimentaria e laboral.

Enlaces para acceder ao Programa estratéxico do castiñeiro e da produción da castaña:

https://mediorural.xunta.gal/gl/recursos/publicacions

Recuperar 8.000 hectáreas de soutos e plantar otras 16.000
Comentarios