sábado. 09.11.2024

Programa ReAcciona case 600 solicitudes

O programa ReAcciona promove accións en ámbitos como o da innovación, para axudar ás empresas no deseño de produtos e servizos innovadores, afondando na protección e financiamento dos mesmos. Ademais, tamén se levan a cabo proxectos no ámbito do desenvolvemento estratéxico, a profesionalización e a dixitalización, con servizos relativos á implantación dunha estratexia dixital da empresa, a ciberseguridade ou o márketing de contidos.
O Goberno galego cobre un mínimo do 75% do custo para a peme, porcentaxe que pode chegar ata o 95% dependendo do tipo de servizo, do tamaño da empresa ou a súa asociación a un clúster.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a resolución da primeira das tres convocatorias lanzadas este ano no marco do programa ReAcciona, que ten recibido un total de 600 solicitudes para impulsar proxectos centrados na mellora competitiva das pemes galegas mediante o acceso a servizos de alto valor engadido co apoio de expertos. A través desta primeira convocatoria concedéronse xa 220 servizos, estando xa prevista a resolución da segunda en próximas datas.

O programa ReAcciona promove accións en ámbitos como o da innovación, para axudar ás empresas no deseño de produtos e servizos innovadores, afondando na protección e financiamento dos mesmos. Ademais, tamén se levan a cabo proxectos no ámbito do desenvolvemento estratéxico, a profesionalización e a dixitalización, con servizos relativos á implantación dunha estratexia dixital da empresa, a ciberseguridade ou o márketing de contidos.

Entre os aspectos máis demandados, situáronse os de análise do potencial competitivo, os da mellora da xestión financeira das empresas, e o asesoramento para o relanzamento comercial. Así mesmo, no eido da transformación dixital, as empresas solicitaron diagnósticos centrados no financiamento da innovación e na dixitalización da empresa, ademais de solucións de xestión e mobilidade dixital e apoio no márketing.

Os servizos do ReAcciona desenvólvense por un axente colaborador, que está a disposición da empresa durante este servizo de mellora, que pode ir dos tres aos seis meses. Por outra parte, os servizos teñen un carácter práctico e buscan a profesionalización da empresa, resultando clave o acompañamento e a formación ofrecidos.

A Xunta cobre un mínimo do 75% do custo para a peme, porcentaxe que pode chegar ata o 95% dependendo do tipo de servizo, do tamaño da empresa ou a súa asociación a un clúster.

O programa, en cuxo desenvolvemento colaboran o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), a Axencia Galega de Innovación (Gain) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), facilitou desde a súa posta en marcha en 2012 o impulso de máis de 2000 proxectos que permitiron mellorar a competitividade de máis de 1300 empresas galegas, mobilizando 10,5 millóns de euros.

Así mesmo, cómpre lembrar que o ano pasado, como complemento dos servizos prestados, púxose en marcha tamén o ReAcciona Covid-19, unha novidosa liña que buscaba cooperar co tecido empresarial galego na actual conxuntura económica, contribuíndo ao seu impulso e recuperación tras a pandemia. 

Neste sentido, o ReAcciona Covid-19 sumou cinco novos servizos que atenden á situación económica xurdida da pandemia. As empresas galegas poden acceder a prestacións especializadas no relativo á adecuación dos estados financeiros, á transmisión ou adquisición de unidades produtivas, á análise de mercados internacionais, á elaboración de plans estratéxicos de internacionalización e á implementación de procesos acordes a economía circular.

Programa ReAcciona case 600 solicitudes