martes. 04.11.2025

O Centro de Iniciativa Empresarial do Polígono Industrial A Granxa foi hoxe o escenario do 11º Encontro de Networking Mercatus, unha xornada crucial dedicada á ciberseguridade nas empresas. O evento, organizado pola Cámara de Comercio de Tui, congregou a representantes do tecido empresarial, expertos en seguridade dixital e autoridades locais para debater os desafíos e oportunidades que supón a protección fronte aos ciberataques no ámbito corporativo.

A xornada contou coa presenza de Antón Fonseca, Presidente da Cámara de Comercio de Tui, e Américo Temporão Reis, Vicepresidente da Confederação Empresarial do Alto Minho. Ofrecéronse dúas importantes ponencias a cargo de Rafael Pérez de la Calle, Market Leader de Ciberseguridade de Bureau Veritas para España e Portugal, e José Eugenio Torres Meira, responsable do Equipo de Investigación Tecnolóxica da Garda Civil de Pontevedra. Ambos expertos abordaron cuestións clave sobre a prevención, detección e resposta ante ciberdelitos.

IMG_9778

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, foi o encargado de clausurar o encontro, expresando o seu agradecemento ás entidades organizadoras por escoller o municipio como sede para este tipo de iniciativas. "É unha honra como alcalde poder pechar este undécimo encontro de Networking Mercatus, centrado nun tema tan importante e actual como é a ciberseguridade", afirmou Lorenzo. O rexedor subliñou a importancia de coñecer as ameazas dixitais e saber previlas, considerándoo un aspecto tan vital como calquera outro na xestión empresarial.

Durante a súa intervención, o alcalde tamén puxo en valor o significativo potencial económico do Porriño, destacando que o municipio posúe máis de 2.200 empresas activas, máis de 3,5 millóns de metros cadrados de solo industrial ocupado e un dos PIB máis altos da provincia. "Cifras que nos sitúan como un referente económico e industrial en Galicia e que nos obrigan tamén a estar á vangarda en ámbitos como a dixitalización e a seguridade", engadiu.

O encontro concluíu cun espazo de viño networking, onde os asistentes tiveron a oportunidade de establecer contacto directo con profesionais e entidades implicadas na seguridade dixital e o progreso tecnolóxico do tecido empresarial galego.

Dende o Concello do Porriño, reafírmase o compromiso coa promoción de iniciativas que impulsen a transformación dixital, a innovación e a seguridade nas empresas, apostando por un ecosistema empresarial competitivo, preparado e sostible que contribúa ao desenvolvemento económico da vila.

O Porriño acolle o 11º Encontro Mercatus centrado na ciberseguridade empresarial
Comentarios