martes. 28.05.2024

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, visitou hoxe a empresa lucense A-Vida Revestiments, da que destacou a súa capacidade para posicionarse con éxito no mercado mundial a través de solucións decorativas singulares que combinan o deseño, a sostibilidade e a innovación en materiais e procesos. A súa especialización nas aplicacións en obra de acabados especiais de microcemento sobre elementos decorativos permitiulle fidelizar importantes clientes retail e a grandes cadeas hoteleiras.

Argerey destacou o traballo que está a facer a Xunta de Galicia para impulsar a innovación e a sostibilidade das pemes galegas a través da integración do deseño na súa estratexia empresarial. Este é o obxectivo do programa DeseñaPeme –a liña específica de axudas da Xunta para que as microempresas e pemes galegas incorporen o deseño á súa estratexia de crecemento–, do que vén de publicarse a resolución da súa segunda convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Este é o caso de A-Vida Revestiments, beneficiaria da primeira convocatoria de DeseñaPeme, que grazas ao apoio do programa está a desenvolver o proxecto Lugh, orientado á creación de produtos de iluminación innovadores a partir de materiais sostibles e cun importante compoñente artesanal, grazas á colaboración da artesá experta en cestería Idoia Cuesta.

Os proxectos beneficiarios de DeseñaPeme 2022 están aliñados coas prioridades establecidas na Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia en tres modalidades concretas: deseño de produtos novos ou redeseño dos xa existentes (20); deseño ou redeseño de servizos e experiencias (7); e deseño de marcas e packs de identidade corporativa con especial atención aos valores sostibles e innovadores (2).

A través dun investimento público de preto de 1,5 millóns de euros, o Goberno galego apoiará 29 proxectos, que mobilizarán o dobre -ata 3M€ de investimento público-privado- e implicarán 93 contratos –19 novas incorporacións e o mantemento de 74 postos de traballo cualificados nas empresas beneficiarias–.

Esta segunda edición supón un incremento dos proxectos apoiados –catro máis que en 2021– e tamén do persoal implicado nos proxectos –un 33% superior ao do ano pasado, con 23 profesionais máis­–. A suma das dúas convocatorias do programa ten como resultado 54 iniciativas, a mobilización de 6M€ a partir dun investimento público de 3 M€ e o financiamento de 163 postos de traballo.

Das 29 empresas que resultaron beneficiarias na convocatoria de 2022, 14 son micropemes, 13 son pequenas empresas e dúas medianas. Por sectores, a maioría dos proxectos teñen que ver cos servizos profesionais (cinco); seguidos da automoción, a madeira e o moble, e o turismo e o ocio (catro en cada un destes segmentos de actividade); agroalimentario e bens de equipo e maquinaria (tres cada un); e comercio, construción, industria cultural e audiovisual, industria naval, téxtil-confección e transporte (un en cada caso).

Mediante estas axudas, a Xunta quere contribuír a que o deseño estratéxico se converta nun elemento relevante e habitual na planificación, nos procesos e no modelo de negocio das empresas galegas. Isto materialízase no incremento da súa capacidade innovadora e da súa competitividade no mercado global, con base na repercusión directa que ten a incorporación do deseño nalgúns dos aspectos máis significativos da actividade empresarial: volume de vendas, penetración no mercado, internacionalización, propiedade industrial, diferenciación, imaxe percibida e recoñecemento de marca, ou fidelización do cliente, entre outras cuestións.

Esta iniciativa, promovida pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación a través da Axencia Galega de Innovación, enmárcase no Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 - Diferenza. Ademais do apoio a empresas de todos os sectores para integrar o deseño como ferramenta, o programa contribúe á difusión das capacidades dos profesionais do deseño, á divulgación de casos de éxito da colaboración entre ambas as dúas partes e ao recoñecemento de esforzos e traxectorias a través dos Premios Galicia de Innovación e Deseño.

Pemes galegas integran o deseño como panca de innovación e sostibilidade
Comentarios