jueves. 25.04.2024

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, afirmou hoxe que empresas como Marine Instruments van ser imprescindibles nun contexto de transición ecolóxica que non se pode entender sen a transformación dixital dos sectores produtivos.

Nunha visita ás instalacións desta empresa en Porto do Molle (Nigrán), dedicada ao deseño e fabricación de equipos electrónicos para o sector marítimo-pesqueiro, Conde salientou que, a través da dixitalización, Marine Instruments contribúe á sustentabilidade da actividade pesqueira. De feito, é líder mundial na produción de boias vía satélite para a pesca do atún.

O vicepresidente económico puxo especial énfase en que o seu carácter innovador a dota dunha maior capacidade para diversificar mercados e produtos. E, nese sentido, convidouna a presentar iniciativas ao Polo Aeroespacial de Galicia e a colaborar nalgún dos proxectos que se van desenvolver no marco do plan estratéxico para os vindeiros cinco anos. Sobre todo, tendo en conta que o ámbito da seguridade marítima é un dos que centra parte dos traballos de I+D+i que se desenvolven en Rozas arredor dos vehículos aéreos non tripulados.

Marine Instruments conta con ao redor de 150 empregados e un 30 por cento do seu persoal está dedicado ao desenvolvemento da I+D+i. Ademais, a súa rede de distribución comercial abrangue xa os 25 países.

Marine Instruments, contribir á sustentabilidade da actividade pesqueira