viernes. 19.04.2024

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, destacou hoxe a aposta da empresa de Baralla (Lugo) Maderbar pola fabricación de produtos de madeira de alto valor engadido. A compañía, unha empresa familiar que leva máis de 50 anos de actividade, produce doelas de carballo para a elaboración de barricas que se utilizan para envellecer whisky na prestixiosa destilería irlandesa Irish Distillers, que produce marcas como Jameson ou Midleton.

Na visita a Maderbar, Ignacio Lema tamén subliñou que a empresa conta con diferentes certificacións, que acreditan entre outros aspectos a xestión forestal sustentable da madeira que utilizan. A compañía fabrica tamén doelas para a elaboración de viño Rioja e de diferentes países europeos, ademais de producir vigas e puntóns de castiñeiro para obra nova e rehabilitación.

SELFORGA

Despois de visitar Maderbar, o director de Xera coñeceu tamén as instalacións de Selforga, en Becerreá, unha compañía de servizos forestais que forma parte da Asociación de empresarios da madeira de Lugo. Ignacio Lema subliñou o compromiso desta compañía que conta con maquinaria especializada pola modernización e a innovación tecnolóxica.

A través da Axenda da industria forestal, Galicia busca prestixiar esta industria posibilitando novos mercados e o desenvolvemento de novos produtos, incorporando as tecnoloxías específicas máis avanzadas e mellorando a formación dos traballadores do sector para garantir a súa profesionalización, definindo vantaxes que permitan ao tecido empresarial gañar en competitividade.

Maderbar fabrica produtos de madeira de alto valor engadido