jueves. 18.07.2024

A Consellería do Medio Rural recalcou a súa aposta pola eficiencia na produción gandeira na presentación do proxecto TRACTUS, un recurso dixital que permitirá xestionar todos os datos recollidos nas granxas de vacún en ecolóxico para maximizar os recursos dispoñibles. O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias, José Balseiros, mencionou a importancia da tecnoloxía para facilitar o traballo dos gandeiros e, ao mesmo tempo, mellorar a eficiencia das explotacións. Ademais, puxo de relevo os avances en materia de biodiversidade impulsados neste proxecto, debido ás repercusións positivas que terá no sector primario.

TRACTUS concibiuse como un plan de mellora integral e de xestión con catro obxectivos principais. Un deles, optimizar as forraxes, o que implica unha redución dos custos de alimentación e a mellora da calidade dos mesmos para aumentar a produción. Por outro lado, a valorización do índice de biodiversidade, que contribuirá a fortalecer a presenza do leite ecolóxico producido en Galicia. Nesta liña búscase tamén a redución da pegada de CO2 medindo esta nas granxas para mellorar os seus rexistros. Todos os datos recolleranse nun informe para unha toma de decisións personalizada.

O proxecto é de carácter autonómico e ten como entidade coordinadora a Agronovo, que se encargou da creación de aplicación, e como axentes cooperantes ao Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), adscrito á Axencia Galega da Calidade Alimentaria; ao Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) e a Asociación de Produtores de Leite Ecolóxico de Galicia. Está financiado polos fondos Feader, no marco das axudas para o apoio de proxectos piloto para o desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal.

Tractus permitirá xestionar todos os datos recollidos nas granxas de vacún en ecolóxico
Comentarios