miércoles. 24.04.2024

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, asegurou hoxe que a constitución de Galicia Foro Empresarial deixa patente que o tecido empresarial galego xa ten en axenda os retos e prioridades da economía poscovid e, o máis importante, xa coñece a fórmula para afrontalos: a colaboración.

O vicepresidente económico asistiu esta tarde á presentación de Galicia Foro Empresarial, que se celebrou en Vilagarcía de Arousa, onde destacou que este instrumento será a voz dos sectores e empresas representados -fundamentalmente do Salnés, O Barbanza e a comarca de Caldas-, o medio para canalizar necesidades e concertar obxectivos, así como o nexo de enlace coas administracións e institucións públicas.

Neste sentido, Conde, tendeu a man da Xunta como interlocutor directo e aberto e animou aos integrantes do Foro a apostar pola colaboración público-privada. Incidiu na necesidade de que administración e tecido empresarial busquen sinerxías e compartan obxectivos para acometer a transformación dixital e ecolóxica que permita acadar un modelo económico máis sustentable e competitivo.

Así, convidounos a liderar proxectos con valor económico, social e medioambiental, integrar a sustentabilidade e a dixitalización nos seus negocios, buscar o impacto social positivo do seu negocio e, no caso de empresas tractoras, implicar ás pemes nestes propósitos.

O vicepresidente económico lembrou a oportunidade que supoñen os fondos europeos para conseguir estes obxectivos e finalizou destacando os bos datos de Galicia, que rexistrou un incremento de case un 35,4% de sociedades constituídas entre xaneiro e agosto, ata acadar as 2797 novas empresas, o que supón tamén superar as cifras previas á pandemia: son un 6,8% máis que no mesmo período de 2019. Neste incremento está a xogar un papel destacado a provincia de Pontevedra, con case un 40% máis de empresas constituídas nos oito primeiros meses do ano con respecto a xaneiro-agosto de 2020: 1082 fronte a 779.

Galicia Foro Empresarial