miércoles. 17.07.2024

DO Ribeiro premia á Asociación de Mulleres Rurais do Ribeiro

'Vida entre Vides' este ano recaeu na Asociación de Mulleres Rurais do Ribeiro, e Ribeiro en Nós, co que a entidade distinguirá á Asociación Galega de Enoloxía. Fíxoo no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, acompañado por Mateo Alonso San Román, coordinador de Banca Institucional de ABANCA en Ourense, un dos principais colaboradores xunto a Galicia Calidade.
A presidenta do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, Concha Iglesias e Mateo Alonso San Román, coordinador de Banca Institucional de ABANCA en Ourense.
A presidenta do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, Concha Iglesias e Mateo Alonso San Román, coordinador de Banca Institucional de ABANCA en Ourense.

A unha semana da celebración da gala de entrega dos Premios D.O. Ribeiro, prevista para o día 27 de xuño, a presidenta do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, Concha Iglesias, presentou esta mañá diante dos medios de comunicación dous dos seus galardóns máis prezados, Vida entre Vides, que este ano recaeu na Asociación de Mulleres Rurais do Ribeiro, e Ribeiro en Nós, co que a entidade distinguirá á Asociación Galega de Enoloxía. Fíxoo no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, acompañado por Mateo Alonso San Román, coordinador de Banca Institucional de ABANCA en Ourense, un dos principais colaboradores xunto a Galicia Calidade.

A recentemente elixida presidenta do CRDO lembrou que a gala de entrega de premios dará comezo ás 19.00 horas, no mesmo escenario que na pasada edición, o restaurante A Carballeira de Santa Cruz, na localidade ourensá de Santa Cruz de Arrabaldo, e terá como lema Ribeiro: Brindando futuro, un lema que “captura a esencia do que representa o Ribeiro, facendo unha ponte entre o pasado e o futuro, e destacando a súa dedicación para ofrecer produtos de excelencia” e que reflicte “a rica tradición vinícola da rexión de Ribeiro, o seu compromiso coa calidade e a innovación, e a súa visión de futuro que se enfoca na sustentabilidade e a expansión global”.

Sobre os novos premiados, Concha Iglesias explicou que “este ano o Premio Vida entre Vides é para a Asociación de Mulleres Rurais do Ribeiro, unha asociación adscrita á Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense (FEMURO) coa que comparte obxectivos, como promover a igualdade de oportunidades e o desenvolvemento das mulleres rurais en todos os ámbitos e mellorar o seu benestar social e calidade de vida no medio rural”.

Iglesias sinalou que este galardón pretende “recoñecer o importante traballo que desempeña este colectivo no Ribeiro”, destacando a necesidade de visibilizalo como un motor económico, xa que “as mulleres do rural son esenciais para xerar riqueza no territorio e diversificar a economía”, ademais de facer fincapé na importancia de renovar e dotar ao rural de novas oportunidades.

A Asociación de Mulleres Rurais do Ribeiro súmase aos galardoados con este premio en anteriores edicións, os viticultores Delfina Alén Bedrón e Cristian Vázquez Barreira (2023), Pepe Estévez (2022), a adegueira Xulia Bande (2021), Alfonso Albor Rodríguez (2020), Emilio Rojo (2019), Avelino Lorenzo (2018), Arsenio Paz (2017) e Manuel García Montero (2016).

Con respecto ao Premio Ribeiro en Nós, a presidenta da CRDO afirmou que “se entregará á Asociación Galega de Enoloxía, unha asociación profesional sen ánimo de lucro creada en 2002 que agrupa a todo o colectivo profesional dedicado á vitivinicultura, técnicos e enólogos” e da que destacou “o seu importante papel cara ás tarefas de dignificación e promoción da profesión”.

Presidida por David Pascual Rodríguez, a asociación está actualmente envorcada en revalorizar a profesión dentro de Galicia e facer cumprir os regulamentos que regulan aquelas prácticas enolóxicas que deben realizarse baixo a supervisión dun enólogo ou dun técnico cualificado. Unha tarefa que tal e como lembrou Iglesias “afecta directamente á Seguridade da Cadea Alimentaria, xa que non hai que esquecerse que o viño está considerado un alimento”.

A Asociación Galega de Enoloxía será a cuarta entidade que reciba este galardón, que en anos anteriores recaeu na Festa da Istoria de Ribadavia, a investigadora Emilia Díaz Losada, responsable do departamento de Viticultura na Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGAL), e o equipo da película Cuñados, da produtora Portocabo.

Ademais, lembrou que estes dous novos galardóns súmanse aos xa anunciados en días pasados, os do xornalista Fernando Ónega, presidente do diario dixital 65ymas, distinguido como Persoeiro de Honra 2024; a sumiller Silvia García Seixo, Head Sommelier no Hotel Mandarin Oriental Ritz e unha das Top 100 Sommeliers en España, que recibirá o premio Muller e Viño, e o Grupo Gourmets, fundado en 1976 e primeira empresa editorial especializada en gastronomía, viño e viaxes, e organizador da feira Salón Gourmets, recoñecido nesta edición co Premio Mellor Tarefa de Comunicación.

Tamén lembrou que aínda quedan por coñecerse tres premiados máis, os establecementos que serán recoñecidos como Mellor Servizo en Restaurante, Mellor Vinoteca-Tenda Especializada, e Mellor Taberna-Bar de Viños, mentres que o día da gala coñeceranse os viños gañadores da Cata Oficial.

Pola súa banda, Mateo Alonso afirmou que “para ABANCA é sempre unha honra apoiar estes premios que celebran a excelencia e a tradición vinícola da rexión”.

“Estes galardóns”, dixo, “non só recoñecen a calidade e a innovación, senón tamén o compromiso co desenvolvemento sustentable e o apoio á contorna rural, valores que compartimos plenamente na entidade”.

DO Ribeiro premia á Asociación de Mulleres Rurais do Ribeiro
Comentarios