domingo. 13.10.2024

Convocado o Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas

Está destinado a galardoar unha peza xornalística científica ou tecnolóxica, de carácter informativo, en formato escrito ou audiovisual, publicada ou emitida entre o 1 de maio de 2023 e o 14 de abril de 2024 en calquera medio galego (ou edición galega dun medio estatal): diarios dixitais ou en papel, radio ou televisión. O traballo xornalístico pode ser unha noticia, crónica ou reportaxe, quedando excluídas as entrevistas e os artigos.
Celia Brañas.
Celia Brañas.

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), en colaboración coa Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), convoca a novena edición do Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas 2024. Está destinado a galardoar unha peza xornalística científica ou tecnolóxica, de carácter informativo, en formato escrito ou audiovisual, publicada ou emitida entre o 1 de maio de 2023 e o 14 de abril de 2024 en calquera medio galego (ou edición galega dun medio estatal): diarios dixitais ou en papel, radio ou televisión. O traballo xornalístico pode ser unha noticia, crónica ou reportaxe, quedando excluídas as entrevistas e os artigos.

A RAGC considera que “a ciencia e a tecnoloxía teñen actualmente un papel determinante e indiscutible no desenvolvemento económico e o benestar social dun país, polo que comunicar estes achados e as súas aplicacións á sociedade galega, así como a transferencia de coñecemento ás empresas, é unha prioridade”. Nesta liña, a Academia asegura que os medios de comunicación poden contribuír “dun xeito decisivo” a acadar este obxectivo. Para estimular esta vertente xornalística, a distinción Celia Brañas pretende recoñecer actividades de comunicación da ciencia e da tecnoloxía entre os profesionais do xornalismo dos medios de comunicación galegos.

Os traballos poderán centrarse en calquera aspecto relacionado coa ciencia desenvolta en Galicia, ben sexan achados, difusión do labor de grupos ou centros de investigación, posibles aplicacións dos resultados da investigación ou mesmo casos de éxito de transferencia de resultados ao mercado. Poderá concorrer a este premio calquera xornalista, a título individual ou en equipo, que desenvolva a súa actividade en medios de comunicación de Galicia ou en edicións galegas de medios estatais, e poderanse presentar un máximo de tres traballos por candidato individual ou colectivo.

A participación será tramitada de xeito telemático a través dun formulario electrónico dispoñible nas páxinas web da Real Academia Galega de Ciencias (www.ragc.gal) e da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal). Os traballos poden enviarse a partir do 15 de abril e o prazo de presentación dos mesmos remata o 15 de maio.

A dotación do premio será de 5.000 euros. A maiores, concederase un accésit sen dotación económica para o segundo traballo mellor valorado.

Celia Brañas, pioneira na incorporación da muller á cultura científica

A científica Celia Brañas (A Coruña, 1880-1948) era filla do xornalista, escritor e farmacéutico Gonzalo Brañas. Simbolizou o esforzo das mulleres da súa xeración por ter un papel protagonista na sociedade, en particular no eido da cultura científica.

Estudou na Escuela Normal da Coruña, onde obtivo o título de mestre elemental e superior e, despois, cursou o Bacharelato no instituto local. Posteriormente, superou a materia de “Reconocimientos de productos comerciales y Prácticas de Laboratorio” na Escuela Superior de Comercio. E na Universidade de Santiago de Compostela examinouse das materias de Mineraloxía e Botánica, Zooloxía e Física e Química, que constituían o curso preparatorio da Facultade de Ciencias.

En 1908 iniciou o seu labor docente na Escuela Normal coruñesa como profesora auxiliar. En 1911 aprobou a oposición de profesora numeraria de Ciencias e encargouse da docencia de Física, Química e Historia Natural. Ocupou a dirección da Normal en diversas etapas e xubilouse en 1946. No ano 1922 desfrutou dunha bolsa da Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas (JAE) para realizar prácticas de Histoloxía nos laboratorios do Museo Nacional de Ciencias Naturales.

A súa visión da ensinanza das Ciencias estivo en consonancia coa proposta educativa dos movementos de renovación pedagóxica da época, a “ensinanza activa”. Celia entendeu que a súa responsabilidade como educadora non se debía restrinxir ao espazo das aulas, polo que desenvolveu un notable labor divulgativo.

Convocado o Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas
Comentarios