jueves. 28.03.2024

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu esta mañá en Lugo á mesa de traballo de Alcoa, na que ademais da Xunta estivo presente o Goberno do Estado, a empresa e representantes dos traballadores. Conde amosou a súa decepción xa que as medidas que o Goberno ten previsto poñer en marcha son, segundo a propia empresa comunicou, insuficientes para manter a produción de aluminio primario en Galicia e España -San Cibrao é, nestes momentos, a única planta que produce aluminio primario no país-.

Por este motivo, Conde instou ao Goberno a que revise as actuacións previstas co obxectivo de rectificar e poñer en marcha iniciativas que garantan un prezo competitivo: “Estamos ante un Goberno que actúa de xeito unilateral ás costas das empresas e dos traballadores. Estamos nunha situación de máxima emerxencia porque se ten posto de manifesto que as medidas propostas son insuficientes para atender as necesidades de Alcoa San Cibrao e así non é posible darlle continuidade”, subliñou Conde quen, ademais da rectificación das medidas pediu a incorporación doutro tipo de iniciativas de carácter fiscal e bonificacións nas peaxes de transporte que a Xunta propuxo, ademais dun “compromiso real”.

O conselleiro recordou que esta situación comezou hai practicamente dous anos e que das medidas que se poñan en marcha dependerá que a industria electrointensiva de Galicia e España poida contar cun prezo competitivo: “A única medida que o permite é lograr un prezo de 35-40 euros/MWh”, asegurou.

Conde incidiu en que a prioridade da Xunta segue sendo o mantemento dunha actividade industrial da que dependen 5000 familias en Galicia, que agardan unha solución que pasa por permitir que estas empresas poidan competir en igualdade de condicións que o resto de industria europea.

Conde manifesta que as medidas que o Goberno ten previsto poñer en marcha en Alcoa son...