viernes. 03.05.2024

A Xunta de Galicia deu conta hoxe da próxima adxudicación de preto de 44.000 metros cadrados na Plataforma loxísitica e industrial de Salvaterra-As Neves (Plisan) a dúas empresas galegas: Frinsa e Gainser.

O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García Porto, participou esta mañá na comisión executiva da Plisan, xunto coa Autoridade Portuaria de Vigo e a Zona Franca de Vigo, entes promotores —xunto co IGVS— deste ámbito.

A conserveira Frinsa adquirirá, en forma de adxudicación directa, as parcelas LE 5.1 e LE 5.9, que se atopan apegadas e suman un total de 40.921,85 m2, por un importe de 2.634.716,50 euros.

Pola súa banda, Gainser, dedicada ao estudo, deseño, instalación e servizo posventa de infraestruturas de equipos de bombeo e tratamento de auga para abastecemento, saneamento e depuración, adquirirá a parcela LE 4.4 en réxime de dereito de superficie.

Trátase dunha superficie de 2.641,56 m2 ao carón de BETA Implants, cun prezo de remate de 189.426,31 euros. A firma ten previsto o investimento de 350.000 euros, en parte para unha nova nave de 800 m2, e a creación de media ducia de postos de traballo.

Estas novas adxudicacións súmanse aos 68.180,67 m2 asignados con anterioridade ás empresas Albo e BETA Implantas (Arbinova).

Despois destas últimas vendas, a superficie total dispoñible neste ámbito que se pode adquirir de forma directa, en réxime de compravenda ou en dereito de superficie, é de 229.865,36 m² (34 parcelas).

“Cada parcela adxudicada na Plisan é un motivo de satisfacción, por iso celebramos a chegada de Frinsa e Gainser. Estamos a constatar un efecto chamada das empresas nos últimos meses neste ámbito, e queremos que isto de manteña nos próximos meses”, salienta a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que esta mesma semana se reuniu cos responsables de Gainser, acompañada da delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias.

44.000 m2 de solo na Plisan para dúas empresas galegas