martes. 19.03.2024

330 proxectos que melloran a competitividade das pemes galegas

O programa ReAcciona promove servizos en ámbitos como o da innovación, para axudar ás empresas no deseño de produtos e servizos innovadores, afondando na protección e financiamento dos mesmos. Ademais, tamén se levan a cabo proxectos vinculados ao desenvolvemento estratéxico, a profesionalización e a dixitalización, con servizos relativos á implantación dunha estratexia dixital da empresa, a ciberseguridade ou o márketing de contidos.
Men Checking Stock of Pastry in Bakery Shop
Men Checking Stock of Pastry in Bakery Shop

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a resolución da segunda das tres convocatorias lanzadas este ano no marco do programa ReAcciona, que está apoiando proxectos centrados na mellora competitiva das pemes galegas mediante o acceso a servizos de alto valor engadido co apoio de expertos.  Entre a primeira e a segunda fase, a Xunta ten concedidos xa 331 servizos, estando prevista a resolución da terceira en próximas datas.

O programa ReAcciona promove servizos en ámbitos como o da innovación, para axudar ás empresas no deseño de produtos e servizos innovadores, afondando na protección e financiamento dos mesmos. Ademais, tamén se levan a cabo proxectos vinculados ao desenvolvemento estratéxico, a profesionalización e a dixitalización, con servizos relativos á implantación dunha estratexia dixital da empresa, a ciberseguridade ou o márketing de contidos.

Entre os servizos máis demandados, situáronse os de análise do potencial competitivo, os da mellora da xestión financeira das empresas, e o asesoramento para o relanzamento comercial. Así mesmo, no eido da transformación dixital, as empresas solicitaron diagnósticos centrados no financiamento da innovación e na dixitalización da empresa, ademais de solucións de xestión e mobilidade dixital e apoio no márketing.

Os servizos do ReAcciona desenvólvense por un axente colaborador, que está a disposición da empresa durante a duración do servizo de mellora, que pode ir dos tres aos seis meses. Por outra parte, os servizos teñen un carácter práctico e buscan a profesionalización da empresa, resultando clave o acompañamento e a formación ofrecidos.

A Xunta de Galicia cobre un mínimo do 75% do custo para a peme, porcentaxe que pode chegar ata o 95% dependendo do tipo de servizo, do tamaño da empresa ou a súa asociación a un clúster.

O programa, en cuxo desenvolvemento colaboran o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), a Axencia Galega de Innovación (Gain) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), facilitou desde a súa posta en marcha en 2012 o impulso de máis de 2000 proxectos que permitiron mellorar a competitividade de máis de 1300 empresas galegas, mobilizando 10,5 millóns de euros.

Así mesmo, cómpre lembrar que o ano pasado, como complemento dos servizos prestados, púxose en marcha tamén o ReAcciona Covid-19, unha novidosa liña que buscaba cooperar co tecido empresarial galego na actual conxuntura económica, contribuíndo ao seu impulso e recuperación tras a pandemia. 

Neste sentido, o ReAcciona Covid-19 sumou cinco novos servizos que atenden á situación económica xurdida. As empresas galegas poden acceder a prestacións especializadas no relativo á adecuación dos estados financeiros, á transmisión ou adquisición de unidades produtivas, á análise de mercados internacionais, á elaboración de plans estratéxicos de internacionalización e á implementación de procesos acordes á economía circular.

330 proxectos que melloran a competitividade das pemes galegas
Comentarios