sábado. 14.12.2024

15 polos de emprendemento, obxectivo neste ano para apoiar ao emprego

 Rueda amosou o compromiso do Goberno galego co emprendemento, tal e como reflicte o pulo que lle dan os orzamentos da Consellería de Promoción do Emprego e igualdade do vindeiro ano con 30,6 millóns de euros destinados en exclusiva a este fin (unha suba do 51,6%) ou a implantación da ‘cota cero’ para o primeiro ano de actividade como autónomo. 
O presidente da Xunta participou hoxe na inauguración do novo centro de apoio ao emprego de Valdeorras.
O presidente da Xunta participou hoxe na inauguración do novo centro de apoio ao emprego de Valdeorras.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe o impulso que lle está a dar o Goberno galego á consolidación da Rede de polos de emprendemento. Así o destacou na inauguración dun novo centro de apoio ao emprego no Barco de Valdeorras. 

Na súa intervención, Rueda puxo en valor o labor desta rede de centros para asesorar da man de expertos a aquelas persoas que deciden dar o primeiro paso de emprender. Acompañado da conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, defendeu o emprendemento pola súa aportación non só á creación de emprego, senón tamén para o desenvolvemento de Galicia en xeral, ao achegar novos produtos e servizos, que desde a súa orixe na Comunidade teñen alcanzado proxección internacional “levando a marca Galicia polo mundo”, enxalzou. 

Consecuentemente, Rueda amosou o compromiso do Goberno galego co emprendemento, tal e como reflicte o pulo que lle dan os orzamentos da Consellería de Promoción do Emprego e igualdade do vindeiro ano con 30,6 millóns de euros destinados en exclusiva a este fin (unha suba do 51,6%) ou a implantación da ‘cota cero’ para o primeiro ano de actividade como autónomo. 

“Se queremos unha Galicia potente hai que apoiar a xente que emprende”, defendeu o mandatario galego con respecto ao impulso á Rede de polos de emprendemento que está a facer a Xunta. 

15 POLOS DE EMPRENDEMENTO

Así , o Polo de emprendemento inaugurado hoxe no Barco de Valdeorras é o terceiro na provincia de Ourense e décimo en Galicia. No entanto, antes de que remate este 2023, a previsión é chegar aos 15 polos en activo na Comunidade. 

Neste senso, en máis dun ano que leva funcionando a Rede de polos de emprendemento xa axudou a 700 persoas e facilitou a posta en marcha de máis de 600 proxectos que hoxe son unha realidade. Hai que salientar o feito de que a meirande parte destes polos están no rural, xa que cada vez son máis as persoas emprendedoras que viven nel que se animan a poñer en marcha o seu propio negocio.  

Significar tamén o dato de que arredor do 10 % dos que acoden a estes centros de apoio ao emprego proceden de fóra de Galicia, unha parte deles emigrantes retornados á comunidade, colectivo que conta tamén co apoio do Goberno galego para facilitarlles a súa volta á Comunidade coa Estratexia Galicia Retorna. 

O apoio do Goberno galego a este tipo de iniciativas procura tamén crear e consolidar emprego de calidade en Galicia para seguir afianzando a estabilidade que ofrece a Comunidade, tamén no eido laboral.  

CLÚSTER DA LOUSA

Na súa visita hoxe á comarca de Valdeorras, o presidente da Xunta mantivo unha reunión con representantes do Clúster da lousa para abordar con este gremio os retos e necesidades dun sector que cualificou de clave para o rural galego. 

Galicia é unha potencia a nivel europeo na extracción, elaboración e comercialización da lousa. Por este motivos, Rueda garantiulle ao sector o reforzo dos apoios do Goberno galego para seguir consolidando a Comunidade como un referente internacional neste eido. 

15 polos de emprendemento, obxectivo neste ano para apoiar ao emprego
Comentarios