miércoles. 13.11.2024

O Goberno galego ten adxudicado xa no primeiro semestre o 70% dos 527 millóns de euros dos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR) previstos no orzamento inicial para 2023, é dicir 370M€. A isto hai que engadir 59 millóns adicionais en convocatorias ou licitacións adxudicadas, correspondentes aos vindeiros exercicios do período de vixencia dos fondos MRR que se estenden ata 2026.

Con todo, desde a posta en marcha do Plan de Recuperación, a Xunta publicou convocatorias por máis de 893 millóns de euros, dos que se adxudicou preto do 69% (616 M€). No que se refire aos beneficiarios, cómpre salientar que, ata o de agora, preto de 33.000 persoas físicas, 7.300 autónomos, máis de 2.700 empresas e 200 entidades locais favorecéronse dos fondos de recuperación xestionados pola Administración galega.

Na actualidade, os recursos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia asignados polo Goberno central á Administración galega para o desenvolvemento de políticas públicas ascenden a 1.384M€, dos cales Galicia ingresou 1.207M€.

Execución do ano 2021

En canto á execución dos Fondos Next Generation no ano 2021, hai que subliñar que Galicia recibiu máis do 70% deses recursos nos últimos meses do ano e en diferentes conferencias sectoriais, un feito que dificultou a súa xestión e execución.

En todo caso, estes fondos teñen un período de execución ata 2026, pois non eran para executar no ano 2021, e polo tanto nin se perden nin se deixan sen executar.

A Xunta leva tempo reclamando unha cogobernanza real na xestión destes fondos e advertindo de que o Goberno central ten que axilizar a asignación dos fondos europeos e descentralizar as axudas coas Comunidades Autónomas.

A Xunta adxudicou xa o 70% dos fondos Next Generation orzamentados para 2023
Comentarios