sábado. 27.04.2024

Galicia aposta por un novo modelo de financiamento autonómico que teña en conta os custes reais da prestación de servizos en cada territorio, xa que recibe do actual modelo 800 millóns de euros anuais menos do que lle custa á Xunta financiar a sanidade, a educación e as políticas sociais. Así o explicou este mediodía o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, na clausura das X Xornadas RIFDE sobre Finanzas Autonómicas.

 Miguel Corgos chamou ao consenso como a única maneira de dispoñer dun modelo estable e duradeiro que permita cubrir as necesidades crecentes da poboación, consecuencia da evolución dos servizos públicos fundamentais e dunha poboación cada vez máis envellecida.

A Comunidade galega recibe do actual modelo 800 millóns de euros anuais menos do que lle custa á Xunta financiar a sanidade, a educación e as políticas sociais

 O conselleiro de Facenda e Administración Públicas explicou que na situación adversa que vivimos neste momento, derivada dos efectos da pandemia e a súa incerta evolución, a alza descontrolada de prezos e a suba dos tipos de interese, é urxente reformar un sistema de financiamento autonómico que está superado. Subliñou que hai unha demanda xeral das comunidades autónomas para facer unha reforma que mellore o financiamento, a autonomía financeira e a corresponsabilidade fiscal.

 ASPECTOS CLAVE

Miguel Corgos citou algúns aspectos clave que o Goberno galego considera imprescindibles para enfrontar a tan precisa revisión do sistema. Falou así da suficiencia financeira, que proporcione os recursos precisos para desenvolver as competencias coas que Galicia conta, mantendo unha correlación entre os recursos globais do sistema e o peso do gasto público xestionado polas comunidades.

 Corgos referiuse tamén ao mantemento do statu quo, advertindo que Galicia non vai renunciar ao principio de que o novo modelo non pode ocasionar perdas en termos de financiamento das CC.AA. Apelou tamén á lealdade institucional e pediu unha maior autonomía financeira, acompañada, iso si, dunha meirande corresponsabilidade fiscal.

 Lembrou tamén o responsable da facenda autonómica que Galicia leva tempo demandando que se considere o custo efectivo dos servizos públicos, tendo en conta factores como o envellecemento da poboación para abordar de xeito obxectivo o custo da prestación dos servizos. Só a dispersión territorial en Galicia supón un sobrecusto anual de 500 M€. Outro aspecto esencial é a equidade, que debe ser tanto horizontal como vertical, permitindo recibir recursos adicionais para garantir o benestar da cidadanía.

 Miguel Corgos tendeu a man ao Ministerio de Hacienda y Administración Pública e ofreceu unha solución consensuada, nun marco multilateral e con lealdade institucional, precisa para acadar unha revisión sensata e duradeira, á marxe de políticas partidistas para lograr a equidade e a cohesión territorial.

"É urxente reformar o sistema de financiamento autonómico", di o conselleiro de Facenda
Comentarios