viernes. 26.04.2024

A partires do próximo 2 de maio, o Goberno galego implantará a oficina única no Servizo Público de Emprego de Galicia, que facilitará á cidadanía a realización de todos os trámites relacionados coa súa demanda de emprego en calquera das 54 oficinas de emprego repartidas pola comunidade. Grazas a este sistema, a Xunta aposta pola aproximación dos servizos á cidadanía e por darlle facilidades para relacionarse coa administración.

A implantación deste distrito único permitirá a realización da primeira inscrición como demandante, o paso de estado de baixa a alta ou o traslado desde outra comunidade en calquera das 54 oficinas repartidas pola xeografía galega.

O Goberno galego estende así, a todos os seus servizos vencellados coa demanda de emprego -non así coas prestacións, por se tratar dunha competencia estatal- a posibilidade de que se poidan realizar en calquera das súas dependencias. Ata o de agora, xa era factible utilizar calquera oficina para modificar as demandas de emprego (ocupación solicitada, teléfono, titulación, etc.) e renovala a través da Internet ou do teléfono 012.

Para as persoas usuarias seguirá existindo unha oficina de referencia que se asigna en virtude do código postal de residencia. Seguirá tendo un papel importante aos efectos de prestar servizos de orientación e para a intermediación, xa que vencella á cidadá ou cidadán coa localidade onde reside.

Con este paso, Galicia convértese nunha das primeiras comunidades en implantar este sistema con carácter autonómico que suporá unha mellora para a atención da cidadanía ao dispor dun abano maior de posibilidades á hora de solicitar cita previa e gañará en axilidade á hora de realizar os seus trámites.

A iniciativa ten encaixe na aposta pola modernización do Servizo Público de Emprego de Galicia que está a levar a cabo a Xunta e que para 2022 suporá un investimento de máis de seis millóns de euros. Ademais do deseño dun novo software de xestión que implantará no servizo ferramentas de analítica avanzada, estanse a mellorar os equipamentos e infraestruturas físicas das oficinas, coa renovación e adquisición de novos locais, e a formación do persoal técnico traballador.

Con estas medidas o Goberno galego avoga por que as persoas demandantes de emprego poidan avanzar na súa carreira profesional e que as empresas poidan atopar os perfís que precisan. Así a Xunta está a ofrecer tanto á cidadanía como ao seu persoal técnico as mellores ferramentas posibles para potenciar o papel de intermediación laboral, favorecendo que as iniciativas empresariais galegas accedan, a través do servizo público,  ás persoas coas competencias máis axustadas ás súas necesidades.

O Servizo Público de Emprego Galicia estrea a oficina única