viernes. 26.04.2024

Baixo o título “A saúde é o que importa”, a Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia promove un ciclo destinado a difundir entre a sociedade o valor terapéutico das augas mineromedicinais. Esta iniciativa, que cumpre a súa 4ª edición, conta coa colaboración da Fundación Araguaney.

Esta tarde, a partir das 19.30 horas, celebrarase a segunda sesión deste ano, no salón Rahid do compostelán Hotel Araguaney, con entrada libre ata completar aforo. Consistirá nunha mesa redonda na que se abordarán as principais indicacións da cura termal tanto en nenos como en anciáns, moderada polo directora médica do Balneario de Compostela (Brión), a doutora Belén Cabana. Os expertos participantes manterán ademais un coloquio posterior co público asistente ao encontro.

 

A balneoterapia para nenos é igual de beneficiosa que para os adultos

 

O doutor José Domingo Moure González, facultativo especialista da Unidade de Pneumoloxía Pediátrica do Hospital Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), abordará as potencialidades da balneoterapia en nenos. Indica que, “aínda que a cura termal é unha terapia que se coñece desde hai séculos, a súa recomendación para pacientes en idade infantil é aínda moi recente, a pesar de que os seus beneficios son múltiples”. O doutor refírese en particular ao tratamento dos problemas respiratorios, ás doenzas cutáneas e tamén ás doenzas vencelladas ao aparato locomotor, entre outras.

Segundo o experto, no caso dos problemas respiratorios, as augas mineromedicinais contribúen a paliar os síntomas da asma, a rinite alérxica, a fibrose quística ou as bronquiectasias. Remarca que “o tratamento termal debe estar sempre avalado por un especialista médico, que terá en conta o proceso no que se atopa o paciente, é dicir, se está nunha fase aguda da enfermidade ou nunha fase estable, posto que as terapias non serían as mesmas”. E salienta que a balneoterapia axuda en boa medida ás secrecións da mucosidade, ao tempo que mellora a capacidade torácica e pulmonar dos nenos.

No relativo aos problemas de tipo dermatolóxico, o doutor apunta que as augas mineromedicinais son moi beneficiosas para o tratamento das dermatites atópicas e tamén doutro tipo de lesións ou problemas da pel como é a psoríase. Ademais, a balneoterapia resulta eficaz para abordar doenzas articulares como a artrite reumatoide ou outros trastornos do aparato locomotor a través da fisioterapia na auga.

O doutor salienta que cada tipo de auga, debido á súa composición, é apta para diferentes tipos de doenzas. E pon de manifesto que “os balnearios son centros sanitarios recomendados non só para os adultos, senón tamén para os nenos, aínda que estean sanos, posto que lles axuda a mellor a súa coordinación, entre outros moitos aspectos”.

 

Os anciáns logran importantes mellorías logo dun tratamento de quince días

 

Pola súa parte, o doutor Antonio Pose Reino, xefe do Servizo de Medicina Interna do

CHUS, afondará nas principais indicacións da balneoterapia para tratar a persoas maiores. Sinala que “o proceso de envellecemento conleva alteracións neurodexenerativas, nos órganos internos, a nivel reumatolóxico e muscular, cardiovasculares, neumolóxicos… na súa maioría de carácter crónico e os tratamentos termais poden aportar grandes beneficios a boa parte destes trastornos”.

O doutor salienta que, no caso particular dos problemas músculo-esqueléticos, como hernias discais ou artrose, a cura termal logra importantes mellorías na sintomatoloxía, en especial no relativo á dor e á capacidade funcional destes pacientes. “O feito de realizar exercicio físico dentro da auga implica unha menor sobrecarga das articulacións, favorécese a mobilidade, de xeito que os resultados son moi positivos, logrando mellorar a súa postura, reducindo os riscos de caídas e diminuíndo as contracturas musculares” -explica-. Ademais, o especialista engade os beneficios que proporcionan os minerais presentes nas augas mineromedicinais e que se absorben a través da pel.

O doutor Pose pon de relevo que “case todas as enfermidades crónicas se poden beneficiar dos efectos terapéuticos da balneoterapia”. Non obstante, salienta que “cómpre seguir un programa, atendendo ás pautas do médico do balneario, durante un mínimo duns quince días para lograr estes resultados”.

En relación ás doenzas crónicas propias da vellez, o doutor manifesta que “a medicina convencional ten limitacións, de xeito que a balneoterapia preséntase como una alternativa complementaria aos tratamentos farmacolóxicos, de cara a controlar os síntomas, sobre todo a dor, que un dos máis limitantes e incapacitantes no caso das persoas maiores”. Nesta liña, afirma que “na terceira idade a auga é o medio terapéutico con menos contraindicacións e maiores beneficios, tanto no ámbito físico como no psicolóxico”.

 

 

Principais indicacións da cura termal tanto en nenos como en anciáns
Comentarios