jueves. 25.04.2024

Premios Galicia de Innovación e Deseño

O certame conta con seis categorías, das que tres están especificamente dirixidas a recoñecer a profesionais e empresas que contribúen de xeito relevante á mellora do prestixio do deseño galego e as compañías que, ao incorporalo á súa estratexia empresarial, demostran que o deseño actúa como motor de innovación, sustentabilidade e competitividade. Un destes premios será para profesionais cunha traxectoria de dez ou máis anos, outro para empresas que incorporasen o deseño á súa estratexia empresarial durante unha década como mínimo, e un terceiro para deseñadores e deseñadoras menores de 35 anos de idade e cunha traxectoria profesional inferior a dez anos.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria da terceira edición dos Premios Galicia de Innovación e Deseño, que terá aberto o prazo de presentación de candidaturas ata o 4 de xullo. Estes galardóns son unha iniciativa da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación, para recoñecer a destacada contribución de profesionais e empresas ao desenvolvemento económico e social en Galicia a través da innovación e o deseño.

O certame conta con seis categorías, das que tres están especificamente dirixidas a recoñecer a profesionais e empresas que contribúen de xeito relevante á mellora do prestixio do deseño galego e as compañías que, ao incorporalo á súa estratexia empresarial, demostran que o deseño actúa como motor de innovación, sustentabilidade e competitividade. Un destes premios será para profesionais cunha traxectoria de dez ou máis anos, outro para empresas que incorporasen o deseño á súa estratexia empresarial durante unha década como mínimo, e un terceiro para deseñadores e deseñadoras menores de 35 anos de idade e cunha traxectoria profesional inferior a dez anos.

As outras tres categorías recoñecen a persoas e empresas galegas que teñen a innovación como un elemento clave para o desenvolvemento da súa estratexia profesional e o seu crecemento no mercado, respectivamente. A categoría de traxectoria innovadora recoñece a profesionais e líderes empresariais cunha experiencia de polo menos dez anos na que a innovación tivese un papel relevante. As categorías de grande empresa e pemes distinguen as compañías cunha actividade innovadora destacada de polo menos dez e cinco anos, respectivamente.

Os premios á traxectoria innovadora e á grande empresa no apartado de innovación e á empresa no apartado de deseño teñen carácter honorífico, mentres que todos os demais contan cunha dotación económica de 15.000 euros cada un.

OUTRAS EDICIÓNS

Entre os criterios de avaliación, o xurado das categorías de innovación terá en conta a traxectoria e actividade innovadora, así como o posicionamento e o impacto da innovación na mellora da capacidade competitiva. O xurado dos galardóns de deseño valorará a traxectoria e achega realizada, así como o impulso á innovación a través dos seus proxectos de deseño.

Estes foron os aspectos nos que destacaron os galardoados nas edicións anteriores deste certame. No apartado de deseño foron recoñecidos Cenlitrosmetrocadrado e FrutoDS (profesionais), Eva Yarza e Damián Calvo (talento emerxente) e Televés e TMC Cancela (empresas). No de innovación os premiados foron Francisco Guitián e Fernando Pérez (traxectoria innovadora), Marine Instruments e GalChimia (pemes) e Cupa Innovación e Congalsa (grandes empresas).

Os Premios Galicia de Innovación e Deseño da Xunta convócanse co obxectivo de destacar as mellores prácticas para que sirvan de inspiración a todo o tecido empresarial, poñendo de relevo como a innovación e o deseño son esenciais para mellorar a competitividade das empresas e a calidade de vida das persoas.

Premios Galicia de Innovación e Deseño