O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, trasladou este xoves en Bruxelas o apoio da institución provincial a que o vindeiro Marco Financeiro Plurianual da UE 2028-2034 preserve a actual marxe de xestión directa dos fondos europeos por parte das rexións e entidades locais, á vez que se reduza a burocracia.
Nun encontro con eurodeputados membros da Comisión de Desenvolvemento Rexional (REGi) no Parlamento Europeo, e ante a inminente proposta da Comisión sobre o esquema de reparto do novo marco, Luis López ofreceu a colaboración da Deputación para que as entidades poidan manter un papel directo na xestión dos recursos da UE, citando o exemplo da propia Deputación, que actualmente ten en marcha 40 proxectos financiados con fondos europeos.
No encontro, no que tamén participou o deputado de Fondos Europeos, Javier Tourís, os eurodeputados alertaron sobre o risco que supón o posible cambio no modelo de xestión dos fondos comunitarios. O novo esquema que se debate en Bruxelas outorgaría aos estados membros un maior protagonismo na administración dos recursos, o que, segundo sinalaron, podería levar a unha maior burocracia, á perda de oportunidades para as entidades locais e a un incremento do centralismo en detrimento da autonomía rexional e local. López comparou esta posible deriva coa xestión dos fondos NextGeneration, que, na súa opinión, “non foi todo o áxil que debía ter sido”. “Aínda que se xogue a partida en Bruxelas, estamos ante un debate crucial para a provincia. Non podemos permitirnos dar pasos atrás no modelo de xestión de fondos europeos que tan ben ten funcionado para a provincia nas últimas décadas”, reflexionou o presidente.
Luis López manifestou a súa preocupación ante esta perspectiva e segue de cerca a evolución do debate. Ante os eurodeputados Adrián Vázquez Lázara, Francisco Millán Món, Elena Nevado, Maravillas Abadía e Isabel Benjumea, reivindicou que concellos e administracións locais sigan tendo capacidade de decisión na obtención e xestión dos fondos europeos, unha postura coherente coa vocación municipalista que guía a acción de goberno da Deputación.
A Deputación intégrase no padroado da Fundación Galicia Europa
Tras participar no pleno do Comité das Rexións, o presidente Luis López formalizou a entrada da Deputación de Pontevedra no padroado da Fundación Galicia Europa (FGE) nun encontro con Ana Ramos, directora da oficina da entidade en Bruxelas.
Na reunión, abordáronse iniciativas da FGE para mellorar a captación de fondos comunitarios, como o programa TecEuropa. López expresou o interese da Deputación en reforzar a captación de fondos europeos e establecer alianzas coa Fundación para obter recursos para a provincia.
Así mesmo, López interesouse polas oportunidades para impulsar o turismo sustentable a través de redes europeas como NecsTour, en liña cos obxectivos da Estratexia provincial Rías Baixas - Turismo 61, e por iniciativas como Erasmus+ para mellorar as oportunidades para o deporte e a mocidade.
A incorporación da Deputación ao padroado da FGE, que ata agora contaba coas deputacións de Lugo e A Coruña, o Consorcio Zona Franca de Vigo e a Axencia Galega de Innovación, busca fortalecer o peso institucional de Galicia en Europa, defender os seus intereses e promover o desenvolvemento económico, social e produtivo da rexión mediante actividades como o asesoramento para a captación de fondos, a difusión de coñecemento sobre a realidade europea e a participación en proxectos comunitarios.
