martes. 28.05.2024
O presidente galego asistiu hoxe á inauguración das obras de ampliación do CIFP Carlos Oroza

"O dobre boom que estamos vivindo, tanto no turismo como na FP galega en xeral con esa revolución silenciosa que cada vez é máis certa" destaca Rueda

O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, destacou este martes a Formación Profesional especializada nas ramas de hostalería, gastronomía e turismo como un dos factores que xustifican o récord de visitantes que está a recibir Galicia. 
O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, acompañado polo conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades en funcións, Román Rodríguez, participa na inauguración das obras de ampliación do Centro Integrado de FP Carlos Oroza. Pontevedra.
O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, acompañado polo conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades en funcións, Román Rodríguez, participa na inauguración das obras de ampliación do Centro Integrado de FP Carlos Oroza. Pontevedra.

O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, destacou este martes a Formación Profesional especializada nas ramas de hostalería, gastronomía e turismo como un dos factores que xustifican o récord de visitantes que está a recibir Galicia. “O ano pasado foron sete millóns de visitantes e todas as previsións apuntan a unha consolidación, que é case máis importante que o crecemento, polo que hai que estar preparados para atendelos como merecen”, asegurou.

Neste sentido, Rueda puxo en valor os oito centros integrados de FP de Hostalería e Turismo cos que conta Galicia, entre os que se atopa o CIFP Carlos Oroza de Pontevedra, o cal vén de rematar un proceso de ampliación gracias a un investimento da Xunta de 2,8 M€. O titular do Goberno en funcións, acompañado do conselleiro de Cultura, Educación FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, participou esta mañá na inauguración dos novos espazos, baseados nun novo edificio de tres plantas para aulas, un viveiro de empresas, unha zona administrativa e vestiarios.

Así, as obras permitiron crear dúas novas clases de FP Básica de Cociña e Restauración, novas aulas do ciclo superior de Xestión de Aloxamentos Turísticos e outra de catas, así como mellorar a eficiencia enerxética do centro e a súa accesibilidade.

CENTRO DE REFERENCIA PARA UN SECTOR REFERENTE

Alfonso Rueda enxalzou a posición de referencia da que goza o CIFP Carlos Oroza, ao mesmo tempo que asegurou que a intención do Goberno galego con esta mellora pasa por consolidar o seu papel como un espazo fundamental a nivel internacional.

Non en balde, é o mellor centro de FP de España, segundo se confirmou ao acadar a máxima puntuación por parte do Ministerio entre todas as comunidades autónomas.

“Esta ampliación, a terceira que se fixo en moi pouco tempo, serve para aproveitar este dobre boom que estamos vivindo, tanto no turismo como na FP galega en xeral con esa revolución silenciosa que cada vez é máis certa”, indicou, facendo referencia a que o número de persoas matriculadas neste tipo de formación duplicouse en apenas 10 anos.

Así mesmo, salientou que o labor que deste centro contribúe a dar resposta á demanda do mercado de profesionais cualificados nun sector como é o turismo, “a industria da felicidade” que, tal e como apuntou supón xa o 12% do PIB galego.

"O dobre boom que estamos vivindo, tanto no turismo como na FP galega en xeral con esa...
Comentarios